Víctor Ferreiro (Sumar)

"Non hai que apelar ao medo ao fascismo, somos mellores e somos máis que eles"

Víctor Ferreiro afirma que Sumar ten vocación plurinacional.
Víctor Ferreiro Outomuro é o candidato número 1 de Sumar ao Congreso por Ourense.

—O acordo para conformar Sumar tivo que acelerarse e non estivo falto de ruído. Podemos Ourense está satisfeito co resultado?
Estábamos en conversas coa plataforma de Sumar e o adianto electoral fixo acelerar todo. Con todas as reticencias, a dirección estatal decidiu que colaborásemos na coalición e imos adiante a fortalecer o espazo. En Podemos Ourense estamos satisfeitos e moi ilusionados. Temos autonomía en Sumar Galicia para a campaña, as listas e adaptar o programa á realidade galega. Esta plataforma ten unha vocación plurinacional importante.

—Os resultados do 28-M non foron bos. Pesaron os conflitos no Goberno de coalición?
Os resultados do 28-M foron malos en xeral para a esquerda. Hai unha onda reaccionaria, en España, Europa e América Latina. Por iso é tan importante crear espazos de consenso e de unidade, onde non pensamos igual pero hai máis que nos une do que no separa. Os que pertencemos a forzas estatais dependemos dos resultados no Estado e a dereita tivo a habilidade de formulalas como un voto de castigo ao Goberno. 

—Sumar remonta nas enquisas pero a campaña segue e con vantaxe PP-Vox. Cal é a estratexia neste escenario?
Fálase de chamar ao voto da esquerda polo medo ao fascismo, a que poidan entrar. Non están ás portas, xa entraron e están en espazos de poder pola covardía dos seus irmáns do PP. A herdanza ideolóxica que matou a Lorca exerce responsabilidades de Cultura nunha autonomía, negacionistas e condenados por violencia machista presiden Parlamentos. É repugnante, pero non hai que apelar ao medo, o medo paraliza non mobiliza. Hai que apelar á esperanza, á alegría, ao amor. Somos mellores que eles, e se estamos xuntos somos máis.

—Ourense non é unha praza electoral sinxela para a esquerda. Apartar Baltar da Deputación pode mudar os resultados?
Todo vai depender das políticas que decida facer o PP agora na Deputación. Se son continuistas vai ser moi difícil rachar coa rede clientelar que ten secuestrado Ourense. Nós xa rachamos ese teito cando David Bruzos foi deputado por Ourense, algo histórico que temos que loitar por repetir.

—A acción de goberno é bo argumento de campaña?
A xestión no Ministerio de Yolanda Díaz é incuestionábel, pero non podemos vivir do feito, hai que mirar cada a adiante e gañar un país para o futuro, fixar un plan de emprego especial para Galiza. Precisamos máis autogoberno que se traduce en benestar, pero non desde unha posición á defensiva senón tomando a iniciativa e pedindo transferencias que xa teñen outras comunidades históricas.