23-X

'Nós Diario' entrevista os cabezas de lista ao Senado por Lugo

José M. Barreiro (PP), Rosana Prieto (BNG), César Mogo (PSOE) e Fernando Otero (Sumar) (Foto: Nós Diario).
Nesta campaña electoral de cara ás eleccións estatais do 23 de xullo, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ao Congreso e ao Senado polas catro circunscricións galegas para coñecer os seus programas e propostas. Hoxe é a quenda dos cabezas de lista ao Senado pola circunscrición de Lugo, que son José Manuel Barreiro (PP), Rosana Prieto (BNG), César Mogo (PSOE) e Fernando Otero (Sumar).

A cidadanía dos concellos pertencentes á circunscrición de Lugo, ao igual que o resto da cidadanía galega, ten unha cita coas urnas o vindeiro 23-X. Nas anteriores eleccións estatais dos catro senadores e senadoras que se reparten neste territorio —igual que no resto, pois os comicios na Cámara alta reparten en todas as provincias do Estado catro actas—, tres foron obtidos polo PP e o outro, polo PSOE.

Co obxectivo de coñecer de primeira man os programas e propostas das principais candidaturas, Nós Diario contacta coas persoas que encabezan as candidaturas dos principais partidos de cara ao 23-X.

José Manuel Barreiro (PP): "Hai principios aos que non imos renunciar, pero Vox é un partido constitucional"

Barreiro xa obtivera a acta de senador en 2019, cando liderou tamén a lista do PP. Agora opta a un novo mandato —sería o quinto desde que accedeu por vez primeira ao Senado en 2008— e defende que, se ben o Senado "ten mala prensa", non é "un retiro dourado". O Estado, di, "precisa unha cámara que artelle o debate territorial", algo que os populares levan no seu programa.

Sobre o candidato do seu partido á Presidencia do Goberno español, Alberto Núñez Feixoo, afirma: "É unha persoa con experiencia de xestión como ninguén a ten, nin o presidente do Goberno. Unha persoa cunha capacidade política acreditada por catro maiorías absolutas na Galiza e uniu o partido, está moi forte".

Rosana Prieto (BNG): "Temos a oportunidade histórica de lograr escanos no Congreso e no Senado por Lugo"

Concelleira e portavoz do grupo municipal nacionalista no concello de Ferreira de Pantón, Rosana Prieto lidera a candidatura do Bloque ao Senado.

Acerca da campaña de cara ao 23-X, a nacionalista asegura que “é unha campaña complicada para as forzas non estatais, o discurso do bipartidismo o que quere é restarlle ás formacións que non nos presentamos en todo o Estado”.

César Alejandro Mogo (PSOE): "Hai que facer unha reforma constitucional do Senado como Cámara territorial"

O socialista César A. Mogo repite como candidato número un pola circunscrición de Lugo ao Senado chegando a ser presidente da comisión de Defensa da Cámara Alta.

“Creo que hai unha maioría de centro-esquerda. Historicamente cando se mobiliza o electorado progresista suma máis que o electorado de dereitas. O problema o 28-M foi a división de forzas”, analiza na conversa con Nós Diario.

Fernando Otero (Sumar): "Temos unha candidata, muller e galega, que pode ser a primeira presidenta"

O candidato número 1 ao Senado pola circunscrición de Lugo é Fernando Otero e este indica na entrevista que se encontra satisfeito co acordo alcanzado para a creación de Sumar.

“Atopámonos cun momento de retroceso do noso espazo político e vímonos un pouco arrastrados o 28-M por iso. Agora son unas eleccións diferentes, xogámonos moito e temos un proxecto de país que ofrecer aos cidadáns”, acrecenta Otero.