23-X

'Nós Diario' entrevista os cabezas de lista ao Congreso por Lugo

Francisco Conde (PP), Daniel Castro (BNG), José Ramón G. Besteiro (PSOE) e José Rodríguez Añón (Sumar) (Foto: Nós Diario).

Nesta campaña electoral de cara ás eleccións estatais do 23 de xullo, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ao Congreso e ao Senado polas catro circunscricións galegas para coñecer os seus programas e propostas. Hoxe é a quenda dos cabezas de lista ao Congreso pola circunscrición de Lugo, que son Francisco Conde (PP), Daniel Castro (BNG), José Ramón G. Besteiro (PSOE) e José Rodríguez Añón (Sumar).

A cidadanía dos concellos pertencentes á circunscrición de Lugo, ao igual que o resto da cidadanía galega, ten unha cita coas urnas o vindeiro 23-X. Nas anteriores eleccións estatais dos catro escanos que se reparten neste territorio dous foron obtidos polo PP e o outros dous polo PSOE.

Co obxectivo de coñecer de primeira man os programas e propostas das principais candidaturas, Nós Diario contacta coas persoas que encabezan as candidaturas dos principais partidos de cara ao 23-X.

Francisco Conde (PP): "Un Goberno de Feixoo é unha grande oportunidade para a provincia de Lugo"

Vicepresidente primeiro da Xunta da Galiza até o pasado mes de xuño, Francisco Conde asumiu ser o cabeza de lista por Lugo á Cámara Baixa. Na conversa con este xornal, Conde analiza os obxectivos do seu partido de cara aos comicios.

“O principal obxectivo é que Núñez Feixoo teña a maioría suficiente para pór en marcha todas as medidas recollidas no noso programa electoral”, manifesta Conde.

Daniel Castro (BNG): "Será para min unha honra representar Lugo e a mocidade galega en Madrid"

O actualmente deputado no Parlamento galego, Daniel Castro, lidera a lista do BNG de cara ao 23-X. Na entrevista, Castro explica os obxectivos dos nacionalistas así como a situación da mocidade na Galiza actual.

“Hai que apostar por políticas de emprego para pór remate á emigración, garantindo que calquera persoa poida vivir e traballar na súa terra”, salienta Castro.

José Ramón G. Besteiro (PSOE): "Esta semana o 'mentirómetro' do PP bota fume, algo que na Galiza xa coñecemos ben"

Foi secretario xeral do PsdeG, presidente da Deputación de Lugo, delegado do Goberno español na Galiza e agora o cabeza de lista dos socialistas ao Congreso pola circunscrición de Lugo.

“Quero trasladar unha mensaxe, desde o respecto, á xente progresista: para que non triunfe a dereita, pido a todos, galeguistas, nacionalistas, xente solidaria, que concentre o voto no Partido Socialista”, indica Besteiro na conversa con Nós Diario.

José Rodríguez Añón (Sumar): "Nestes anos conseguíronse avances que melloraron a vida de millóns de persoas"

Profesor de Física Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela (USC), José Rodríguez Añón é o número 1 da lista de Sumar ao Congreso pola circuncrición de Lugo.

“Somos a única formación que está falando de temas como o cambio climático, as política de sostibilidade e transición; así como temas de recuperación do rural estamos achegando ideas, propostas...”, relata Añón na súa conversa con este xornal.