Nos-UP chama a ''abstención activa'' nas eleccións do 25 de maio

A Unidade Popular lamenta que non haxa unha candidatura ''coherentemente'' independentista e socialista, e avoga pola construción no día a día pola esquerda social e política galega dunha ''contra-hexemonía''.

Abstención activa. Eis o posicionamento de Nós-Unidade Popular de cara ás eleccións europeas do 25 de maio e que a formación fixo público a través dun comunicado. Entenden que nunha convocatoria deste tipo só tería sentido presentar unha “ampla e plural candidatura”, que pivotase “nidiamente á esquerda” e se erguese sobre “a base popular” cos obxectivos de forzar unha “ruptura democrática” con España e coa UE. Mais esa candidatura non existe.

O que hai sobre o taboeiro de cara a estes comicios é, alías das propostas “dos partidos hexemónicos”, o que Nós-UP cualifica como listas “críticas”, en referencia o BNG e AGE. Mais para Nós, ambas son “insuficientes e aínda inseridas na lóxica sistémica” malia que sexa desde “posicións críticas”. Critica a renuncia de BNG e AGE, “por razóns partidistas”, a erguer unha candidatura soberanista galega unitaria “e pola ruptura democrática”.

“Combater ilusións reformistas”

Nós-Unidade Popular incide en que o actual momento histórico debe de se enmarcar no “esgotamento” do modelo histórico que o capitalismo tivo en Europa occidental. Por iso é mester, sinalan, combater “ilusións reformistas de volta ao Estado de Benestar”, e consideran “inxenuo, cando non fraudulento” avogar por unha reforma da UE para convertela en “Europa social”.

Para esta formación o rexeitamento non debe de restrinxirse á UE “neoliberal” senón á “Europa do capital e da guerra, que no noso caso ten no Estado español un dos seus máis fieis servidores”. A construción dun 'Estado soberano galego' sería o antídoto na Terra a esa Europa.