'A nosa precariedade, o seu lucro': Galiza Nova lanza unha campaña divulgativa contra o efectos da turistificación masiva

Presentación da campaña 'A nosa precariedade , o seu lucro'. (Foto: Nós Diario).
Desenvolverase nas próximas semanas con encontros presenciais e a través das redes sociais.

A organización xuvenil do BNG presentou este domingo, 25 de agosto, a súa campaña 'A nosa precariedade, o seu lucro', coa que pretenden afondar na problemática que supón o encarecemento dos alugueres a precarización laboral e a temporalidade asociadas á turistificación masiva na temporada estival.

Tal e como sinalou Daniel Sussman, un dos responsábeis nacionais de Emprego, Vivenda e Servizos Públicos da organización, "con esta campaña pretendiamos denunciar a situación de precariedade da mocidade galega, especialmente nos meses de verán, asociada á turistificación masiva e á dependencia do país".

Pola súa banda, Esmeralda Crespo, responsábel comarcal de Galiza Nova no Salnés, desde onde lanzaron a campaña, especificou que Vilagarcía de Arousa e toda a súa contorna "precisa construír un futuro en que o turismo respecte as nosas raíces, no que o traballo sexa digno e non explotador, no que os nosos mozos atopen aquí, na súa terra, as oportunidades que merecen, e no que a vivenda sexa un dereito, non un privilexio".

O responsábel de organización de Galiza Nova, Alexandre Bastero, denunciou que "as políticas impulsadas polos gobernos, tanto do Estado Español como da Xunta da Galiza nos últimos anos, só serviron para consolidar un retroceso en dereitos laborais que nos afoga".

Vivenda

"Os prezos da vivenda non deixan de subir e a industria turística, promovida como piar económico, só nos ofrece temporalidade e explotación. Este modelo económico é inservíbel para nós, porque máis unha vez limita a capacidade de realizar os nosos modelos de vida e aceptar ou precariedade ou emigración", engadiu Bastero.

Galiza Nova puxo o foco na "soberanía", nun "nun goberno propio que poida aplicar políticas públicas de vivenda e un sindicalismo nacionalista forte que defenda os nosos dereitos no eido laboral", recalcou Alexandre Bastero.

A campaña decorrerá durante as vindeiras semanas con actos onde a organización xuvenil falará desta necesidade, polo que a organización xuvenil do BNG fará valer as redes sociais ademais dos encontros presenciais.