Núñez Feijóo non aclara se se volverá presentar á presidencia da Xunta

Alberto Núñez Feijóo

O titular do Goberno galego non aclara o seu futuro político, alerta dunha recesión e pide que “non e vote a persoas descoñecidas” nas municipais.

O presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, concedeu unha entrevista no xornal Faro de Vigo na que non quixo aclarar o seu futuro político, ao asegurar que non sabe se se presentará a un terceiro mandato no Goberno autonómico, cuxas eleccións están previstas para 2016. Precisamente, nese ano é cando o líder do PPdeG sitúa o perigo “dunha nova recesión”, segundo as súas palabras, que tamén cualificaron de “feble” a suposta “recuperación económica”. 

Así mesmo, Feijóo referiuse ás eleccións municipais, para as que lanza unha mensaxe: "Espero que os cidadáns non entreguen os concellos a persoas descoñecidas de ideoloxías descoñecidas e sen experiencia de xestión". Nesta liña, recoméndalle ao outro sostén do bipartidismo, o PSOE, “que volva ao proxecto socialdemócrata e non busque o titular fácil”. 

Eleccións
O presidente da Xunta non aclarou a identidade d@s candidat@s do seu partido nalgunha cidades nos comicios locais de maio de 2015,  por exemplo en Vigo ou Ourense, onde soan José Manuel Figueroa e o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, respectivamente.