PSOE e BNG critican o uso partidista da Fundación Galicia Europa

Cargos do PP na visita á Fundación Galiza Europa (Imaxe: Nós Diario)

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e o eurodeputado do PSdeG-PSOE, Nicolás González Casares, emitiron un comunicado conxunto en que critican a "instrumentalización" que a Xunta e o PP fan da Fundación Galiza Europa, "unha entidade que debera ser a voz de Galiza ante as institucións comunitarias, pero que os populares utilizan para facer turismo en Bruxelas".

González e Miranda emitiron un comunicado conxunto tras a visita realizada esta semana por cargos do PP á Fundación Galiza Europa, para denunciar a "instrumentalización" dunha entidade que "debera ser a voz da Galiza" ante a UE.

O eurodeputado do PSOE e a eurodeputada do BNG acusaron os populares de facer un “uso partidista” desta institución, "ao mesturar a presenza de cargos do partido e cargos institucionais", como a do director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Cargan contra os "usos espurios"

“As institucións galegas merecen respecto, non usos espurios”, criticaron os dous representantes políticos.

Tanto Miranda como Casares sinalaron que o Goberno do PP debera utilizar a fundación "como unha vía para defender os intereses de Galiza ante as institucións comunitarias".

Porén, advirten no comunicado, “falta a primeira vez que a fundación fixese chegar aos eurodeputados galegos un posicionamento ante unha directiva ou regulamento europeo a pesar de que o Parlamento Europeo é colexislador en pé de igualdade co Consello e decide sobre materias con impacto directo nos sectores produtivos do país”.

"O PP limítase a organizar viaxes turísticas dos seus cargos", critican González e Miranda

“En vez de fomentar e coidar unha rede de influencia galega ante as institucións comunitarias para beneficio do país, o PP limítase a organizar viaxes turísticas dos seus cargos e a poñer a disposición do partido institucións públicas pagadas por todos”, concluíron.