O BNG exixe un referendo sobre o recortazo

Francisco Jorquera e Ana Pontón apresentaron no Parlamento galego e no Congreso español senllas iniciativas a prol dun referendo sobre o recortazo.

O candidato nacionalista á Xunta de Galiza e a voceira parlamentar do BNG, apresentaron esta segunda senllas iniciativas encamiñadas a submeter as medidas aprobadas polo goberno español a referendo. Desde o BNG denuncian que as políticas desenvolvidas polo Partido Popular, procuran “máis centralismo e menos democracia” polo que exixen “a cidadanía debe tomar a palabra”.

Baixo o pano do “inevitábel” o goberno de Rajoy vén de aprobar a pasada semana, máis un paquete de medidas que se suman aos recortes levados a cabo ao longo destes meses de lexislatura. Para Jorquera, a política de recortes promovida “só provoca máis crise, máis recesión e máis paro”, polo que exixíu ao goberno español pór fin á burbulla da débeda.

Hai alternativas!

O candidato á presidencia da Xunta, salientou que outras políticas son posíbeis, e propuxo a loita contra a fraude fiscal como alternativa aos recortes. Segundo Jorquera, a fraude ascende a 85.000 millóns de euros ao ano –cifra moi superior á cantidade recortada, 65.000 millóns, con cuxa recadación “non sería preciso ningún recorte”, aseverou o líder nacionalista.

Así mesmo, Jorquera propuxo “pinchar a burbulla da débeda pública” baixo a que se está a amparar o goberno de Rajoy para acometer máis unha vaga de recortes. O candidato nacionalista, dixo ser precisa unha reforma do Banco Central Europeo, á fin de que a institución se poña ao servizo dos estados e non das entidades financeiras privadas –o Tratado de Lisboa impide á máxima autoridade financeira da Unión emprestar diñeiro aos estados membros, pola contra financia directamente á banca privada que logo merca débeda pública a un custo superior.

Os bandazos do goberno galego, non sosteñen o seu discurso

Pola súa banda, a voceira do BNG no Parlamento de Galiza, respondeu ás declaracións de Alfonso Rueda segundo o cal os recortes non están a tocar o fundamental. Ana Pontón, instou ao conselleiro de presidencia a retractarse das súas propias verbas pois, "recortar as prestacións polo desemprego non é tocar o fundamental?”, preguntou a nacionalista.

Francisco Jorquera e Ana Pontón aseguraron que o discurso do presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, “xa non se sostén”, máis aínda, logo de cambiar o seu voto no pasado Consello de Política Fiscal e Financeira para apoiaren finalmente, máis unha redución do défice do país.

Un berro cívico contra o Recortazo

Pontón e Jorquera fixeron un chamamento á sociedade galega e emprazaron a secundar “masivamente” a manifestación convocada pola fronte o vindeiro 25 de xullo ás 12.00h na Alameda de Santiago, contra o que din, é “unha agresión sen precedentes contra os dereitos sociais” e contra o autogoberno d@s galeg@s.