O PP négase a denunciar a Francisco Vázquez pola desfeita urbanística de Someso

Polígono de Someso
Negreira rexeita ir contra o ex rexedor, responsábel dunha operación imobiliaria que xa lle custou perto de 20 millóns de euros ás arcas locais.

 

O Pleno celebrado este luns no Concello da Coruña serviu para visibilizar a defensa do PP e o seu alcalde Carlos Negreira do antigo rexedor do consistorio, o socialista Francisco Vázquez, no que ten a ver co coñecido como Caso Relámpago, cando o presuntamente irregular procedemento levado a cabo naquela etapa arredor da expropiación de solares en Someso beneficiou a empresas da construción, entre elas as ligadas a Antonio Fontenla, presidente dos empresari@s galeg@s, co que tamén comparte negocios a familia do actual alcalde.

Mar Barcón: “O caso Relámpago non existe” 

No Pleno debateuse un informe realizado por dúas funcionarias sobre o tamén chamada 'Caso Relámpago', que agora será posto en mans da Fiscalía ao terse aprezado indicios de delito. Os feitos remóntanse a 1990, cando se recualifican e logo se ceden terreos expropiados para construír unha estrada e un campo de fútbol -proxecto este último que non se levou a cabo- para levantar vivendas e un centro comercial. Máis tarde, o propio goberno local do PP teimou nos agasallos ao modificar ese plan para permitir un maior aproveitamento aos promotores urbanísticos de Someso. O BNG cifra en 20 millóns de euros a cantidade de cartos públicos que o concello perdeu nesta operación.

Os nacionalistas, en boca do seu portavoz Xosé Manuel Carril, acusan os construtores de “apropiarse de bens que non lles corresponden” e solicitan que o propio concello inicie accións por vía penal e contra Francisco Vázquez, que asumiu persoalmente esa xestión, tal e como recolle o propio informe elaborado polas funcionarias. Porén, o PP preferiu encobrir o antigo alcalde, co que manteñen unha magnífica relación, e votou en contra. Tamén aposta o BNG por levar o ocorrido ao Tribunal de Contas, se ben a súa moción só foi apoiada polo concelleiro de IU, xa que o PSOE -directamente salpicado polo escándalo- optou pola abstención xa que pretendía que Francisco Vázquez quedase fóra das medidas a tomar. A propia voceira local do PSOE, Mar Barcón, chegou a afirmar que “o Caso Relámpago' non existe”. “Non imos participar de ningún linchamento”, engadiu, compartindo co PP o encubrimento do que a esquerda considera unha “pelotada urbanística de alto custe para as arcas municipais”.