O PP negocia na investigación das caixas mais é intransixente na comisión contra a corrupción

O partido maioritario dá unha de cal e unha de area na primeira sesión das comisións de investigación creadas na Cámara galega

 

O PP acepta a incorporación dalgunha das propostas achegadas polos grupos da oposición ao plan de traballo da comisión de investigación das caixas mais rexeita as achegas de BNG, AGE e PsdeG a respeito da prevención da corrupción. 

Neste senso, non comparecerá ningún representante político nin xornalista algunha –como demandaban as demais forzas con representación-- no organismo encargado de elaborar un plan contra a corrupción. @s populares aprobaron en solitario un plan de traballo cargado de “vetos” e “mordazas”, denunciaron desde as bancadas da oposición. 

Pedro Puy negocia na comisión de investigación das caixas
En troca do acontecido en relación coa corrupción o grupo maioritario accedeu a negociar a introdución dalgunhas das propostas da oposición na comisión de investigación da fusión das caixas. 

Emilio Pérez Touriño e Núñez Feijóo comparecerán en calidade de presidente e ex presidente do executivo galego

Após as críticas de BNG, AGE e PsdeG en relación co apoio amosado pola Mesa da comisión unicamente á proposta popular, o deputado Pedro Puy amosouse máis transixente na primeira sesión decorrida esta terza feira. 

Neste senso, o PP apoiou a incorporación dunha maior documentación ao plan de traballo e de novas comparecencias a se sumar ás 30 achegadas pol@s populares. Malia que os grupos da oposición consideraron “insuficiente” a proposta sometida a votación, o certo é que saudaron a actitude de Puy e apoiaron finalmente un plan de traballo que, no entanto, podería ser ampliado con posterioridade. 

@s populares accederon a incorporar a comparecencia do fiscal superior de xustiza de Galiza, Carlos Varela, do ex presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño e dunha representante máis en nome d@s afectad@s polo calote das preferentes. Aliás, pasarán pola comisión os ex directivos das extintas caixas e todas aquelas persoas que tiveran percibido retribucións durante o proceso de fusión e bancarización de NCG. 

Así mesmo, deberán ser achegadas ao grupo de traballo as actas dos Consellos de Administración desde 2004 e toda a documentación interna referida á venda de produtos financeiros de natureza fraudulenta.