O PP rexeita condenar o franquismo en nome "da concordia"

Afirman que "a transición" é "o mellor que fixemos nos últimos 200 anos" e apela "ás novas xeracións" para se abster de condenar o réxime encabezado por aquel aoque  seguen sen chamar ditador

 

Nin unha soa mención á ditadura. O "réxime" do que para o Partido Popular segue a ser "o xeneral Franco" non contará coa condena d@s populares --máis unha vez-- en aras, aseguraron, "da concordia" e o "dereito a convivir". 

O grupo maioritario no Congreso español rexeitou esta terza feira unha Proposición de Lei presentada polo grupo da Izquierda Plural encamiñado a fixar o 18 de xullo como data de conmemoración "das vítimas do franquismo". A PL contou co apoio de todos os grupos agás do PP e de Unión Progreso y Democracia (UPyD). A formación de Rosa Díez abstívose na votación argüíndo que a iniciativa defendida por IU introduce "unha idea de Estado e de democracia" que non partillan. 

UPyD abstense na votación argüíndo non partillar a "idea de Estado e de democracia" que introduce a iniciativa

O voceiro de UPyD, Carlos Martínez Gorriarán asegurou que a intención de Izquierda Plural foi "empregar os mesmos trucos do franquismo" para obrigar ás demais formacións a se posicionaren a favor "en todo" ou "contra min". O argumento empregado polo partido de Rosa Díez foi defendido tamén desde as bancadas do Partido Popular que acusaron @s promotor@s da proposta de empregaren "argucias políticas" para "evitar o consenso". 

Cun rotundo "non conten con nós nin agora nin nunca" o deputado popular Pedro Ramón Gómez de la Serna declinou en nome do seu grupo apoiar a Proposición de Lei e ausou @s representantes de IU non ter "capacidade para pensar" para alén do "xeneral Franco" pois, dixo, semella que "vivían mellor contra el" malia seren "a oposición por excelencia ao réxime". 

O deputado popular, Gómez de la Serna, gabou "a transición" da que dixo foi o fin "do 18 de xullo"

Aliás, apuntou o parlamentar "cada ideoloxía debe aguantar co seu legado" apelando ao "exterminio" dixo do que son responsábeis "os comunistas" aos que acusou de asasinar "a troskistas, anarquistas, socialistas". De la Serna reivindicou "o deber de conmemorar" mais con carácter "universal", o contrario dixo, "é puro fariseísmo político". 

Desde o Partido Popular afirmaron con rotundidade que "o que rematou co 18 de xullo" foi "o 6 de decembro" e gabouse dos resultados dunha "transición", dixo, que foi "o mellor que fixemos nos últimos 200 anos". Embora o deputado de IU chamase a "pechar feridas" co recoñecemento desta data en conmemoración das vítimas, para @s populares "o trunfo do franquismo" é "que sigamos pendentes del 80 anos despois".