O valedor que non vale

Benigno López
Amplo rexeitamento de colectivos, asociacións e organizacións ás declaracións de Benigno López sobre a retirada da lei de Dependencia e defendendo os recortes de Xunta e goberno español

Seguramente el non o esperase, mais as súas declaracións sobre as políticas de recortes (son "imprescindíbeis, xustas e necesarias", dixo) e avogando pola suspensión da Lei da Dependencia sitúan a Benigno López no albo dunha vaga de reproches e críticas que parte dun sinfín de entidades, colectivos e organizacións. A propia vicevaledora segunda presentou a súa dimisión coma mostra contundente e palpábel do seu desacordo coas valoracións de López. Tan só o silencio da Xunta serve ao Valedor coma apoio.

 Desde a oposición pediuse a "dimisión inmediata" do Valedor porque "non é digno do pobo galego" (BNG) e afirmouse que “postos a recortar entre sanidade e o Valedor do Pobo, eu empezaría polo Valedor" (PSOE)

Mais as críticas non viñeron só das organizacións políticas. O Colexio de Traballo Social de Galicia rexeita as declaracións do Valedor do Pobo, mentres que Cogami (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) esixe unha rectificación ante unhas afirmacións que considera "inaceptables". En senllos comunicados, ambos os dous colectivos reproban que López formulase, en comisión parlamentaria, que se "suspenda" a aplicación da Lei de Dependencia, ao argumentar que "naceu morta", debido ás dificultades que ten o seu desenvolvemento pola falta de recursos económicos.

O Colexio de Traballo Social afirma "non entender" as declaracións pois "son totalmente contrarias" ás funcións do Valedor do Pobo "e supoñen unha negación do dereito subxectivo recoñecido pola Lei de Dependencia".

Pola súa banda, Cogami mostra a súa "total repulsa" polo dito na Cámara autonómica e advirte un "feito sen precedentes" que "non se "pode consentir". "É inaceptable, cando precisamente acababa de presentar un informe que reflectía que en 2011 se recibiron un 9% máis de reclamacións sobre a aplicación da Lei de Dependencia, chegando ás 2.497", subliña a confederación.

López, a través dun comunicado, puntualizou que cando aludiu en sede parlamentaria a "deixar en suspenso a aplicación" da Lei de Dependencia non pretendía reclamar que se suspendese a aplicación desta normativa, senón que quería "enumerar unha serie de hipótese de futuro" se prosegue a actual situación económica.