GONZALO RODRíGUEZ, ENCONTRO CIDADá POR UNHA MAREA GALEGA

“O obxectivo é facer unha candidatura unitaria e gañadora”

Gonzalo-Rodríguez

Profesor na Universidade de Compostela, este economista é unha das persoas que tomará parte na xuntanza deste sábado en Compostela promovida polo Encontro cidadá e para a que hai máis de 250 inscritos. ““Historicamente a política galega tivo un halo de fatalismo e hai que rachar con iso”.

 

Este sábado o centro D. Bosco de Compostela acollerá o I Encontro cidadá por unha marea galega, unha xornada de debate, análise e traballo para a que hai máis de 250 inscritos. Falamos con Gonzalo Rodríguez, que toma parte desde a orixe desta iniciativa, asinando o manifesto co que saíu a luz a comezos do verán.

- Que é o que se procura co encontro deste sábado en Compostela?

- Basicamente dúas cousas: cohesión e posta en marcha. A idea fundamental é que do Encontro saia unha iniciativa en movemento que sexa suficientemente aberta para que se poidan incorporar outros actores, como por exemplo, os partidos políticos, mais non só. O que procuramos é definir, por dicilo así, as regras do xogo: por exemplo, cousas como o código ético, ou ben un organigrama que defina organismos participativos, unha folla de rota.... O máis relevante é, para nós, que se garanta a capacidade de decisión e participación da cidadanía, iso é un punto fundamental.

- E como se articula o traballo do Encontro?

- A mañá estará máis centrada no debate e a reflexión. Vai estar presente xente implicadas nas marés, nos movementos sociais... mais tamén persoas doutros eidos. Somos un encontro de adscrición individual e hai máis de 250 persoas anotadas para participar. No proceso queremos facer fincapé niso, na participación. Por iso o debate vaiser artellar en mesas, con mecanismos de participación para que todos opinen e acheguen. O obxectivo é ir conformando o que cremos que ten que ser: unha candidatura gañadora

- Hai liñas vermellas establecidas?

- Nós preferimos falar de liñas verdes (ri), falar do que nos une. Nós o que si que non temos interese é en promover unha mesa de partidos, temos interese en que os partidos participen. Hai unha serie de cousas que hai que debater e definir, claro, desde o nome da iniciativa até como se articula a representación parlamentar.

- Nesta fin de semana hai dúas citas, ambas as dúas en Compostela e coa mesma motivación de contribuír para unha candidatura unitaria...

- A pluralidade e a diversidade é un ben a preservar. Desde logo non vemos ningunha iniciativa como competitiva, vemos como positivo que a xente se mova e sempre temos a posibilidade aberta ao diálogo porque aquí cabe todo o mundo.

- Confía en que haxa unha única candidatura unitaria galega para as xerais?

Confío, si, se ben sospeito que isto se vai resolver no último minuto. Teño unha gran confianza en que todo isto se resolva de modo político. Unha das cousas que se bota en falla na política galega é a confianza, historicamente a política galega tivo un halo de fatalismo e hai que rachar con iso, a política require optimismo. E o Encontro deste sábado vai por aí, tendo claro que non é este o fin dun proceso, mais unha saída.