A oposición alerta da falta de medios na extinción de incendios
O conselleiro de Medio Rural, José González, rexeitou onte as críticas do BNG en relación ao operativo de loita contra incendios da Xunta da Galiza e afirmou que, das 3.057 prazas que dependen directamente do Executivo galego, 2.901 están activas. Concretou tamén que son 156 as baixas sen cubrir.
Defendeuse así o titular de medio rural en resposta á deputada do BNG Carme Aira, quen denunciou a pasada cuarta feira a "falta de persoal" nos servizos de extinción de incendios, e lamentou que a Xunta se enfronte ao verán "sen previsión de ningún tipo", fiando ao tempo sortear os lumes. Carme Aira tamén lamentou a política de persoal de Medio Rural, "con baixas sen cubrir" en áreas "tan sensíbeis" como Valdeorras, Os Ancares e as comarcas do sur da Galiza.
"Precariedade laboral"
A estas críticas sumouse onte o PSdeG, que denunciou tamén a situación de precariedade laboral do servizo de prevención de incendios ante "unha situación de grave risco" polas altas temperaturas acontecidas no país na última semana.
A deputada do grupo socialista no Parlamento galego Carmen Rodríguez, que criticou o desinterese na materia do Goberno de Alfonso Rueda, fíxose eco das reclamacións dos traballadores e das traballadoras e alertou de que "dous terzos do cadro de persoal deste servizo dependente da Xunta teñen unha vinculación de carácter eventual".
Isto, segundo a parlamentaria, "impide que se realicen correctamente os labores de prevención de incendios ao longo do ano", o que reduciría o risco de lumes forestais no verán, así como o seu alcance.
Na mesma liña que denunciou a nacionalista Carme Aira, Rodríguez incidiu en que "parece que a única vacina que ten o Goberno galego é: ti vai facendo a ver se cola", deixando "en mans do tempo o éxito ou non da campaña".