Parlamento

A oposición atribúe a suba de Sogama ao "fracaso" do modelo

O presidente de Sogama, Javier Domínguez; Luís Bará (BNG) e Paloma Castro (PSdeG). [Fotos: Xunta da Galiza | Nós Diario]
O presidente da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), Javier Domínguez, confirmou esta quinta feira na súa comparecencia no Parlamento galego que non hai volta atrás na decisión de subir o canon de Sogama. Tanto o BNG como o PSdeG criticaron a decisión, que enmarcan no "fracaso" do modelo de tratamento de residuos que impulsa o Goberno galego.

O presidente de Sogama, Javier Domínguez, insistiu esta quinta feira en que a compañía "non pode manter" as bonificacións no seu canon aos concellos debido ao "afán recadatorio" do Goberno español coa aplicación do novo imposto estatal á vertedura e á incineración. Así o sinalou na súa intervención na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento galego na que compareceu para explicar o incremento de tarifas. Domínguez criticou o imposto do Goberno estatal que grava a vertedura e a incineración, xa que, ao seu xuízo, no canto de incentivar a reciclaxe, "pon pexas" aos que cumpren.

As súas explicacións non convenceron a oposición, como antes tampouco convenceran á Federación galega de municipios e provincias (Fegamp). Tanto o grupo nacionalista como o socialista criticaron o aumento do canon de Sogama, que implicará un maior gasto para os concellos galegos que xestionan os seus residuos na súa planta —295 dos 313—.

Luís Bará (BNG) solicitou a Domíguez que deixe de "lanzar escusas" e indicou que un aumento do canon supón admitir o "fracaso do sistema Sogama" e a "mala xestión" do Goberno galego na xestión de residuos. Ademais, lamentou a "unilateralidade" coa que se tomou esta medida. 

"Obsoleto e centralizado"

O deputado nacionalista acusou a Xunta da Galiza de querer que os concellos paguen o fracaso da súa xestión e do sistema “obsoleto, centralizado e antiecolóxico” de Sogama. O feito de que a Galiza se sitúe á cola en reciclaxe, afirmou, e lonxe "aínda de cumprir cos criterios" que marca Europa "é indicativo". Subliñou, neste sentido, que a porcentaxe de reciclaxe en Sogama sitúase ao redor  de 20 %, cando a Unión Europea marcaba case 50 %. “Somos a segunda peor comunidade do Estado en cifras de reciclaxe”, sostivo.

Pola súa parte, a deputada do PSdeG Paloma Castro lamentou que a Xunta siga "castigando os concellos" e pediu que se busquen alternativas á suba do canon, porque as bonificacións eran o "único incentivo á reciclaxe que existía na Galiza". Acusou ao Goberno galego de recorrer a unha “gran mentira” para xustificar a supresión da bonificación do canon de Sogama.

Afirmou que o Executivo galego “castiga dobremente” os concellos que estaban a facer un esforzo para cumprir cos compromisos medioambientais e que, polo tanto, recibían a bonificación que vai ser retirada. Sinalou que ademais de aumentarlles o canon, os concellos veranse privados de 12 millóns de euros do Fondo de Cooperación Local previstos para investimentos "e que a Xunta vai empregar como compensación".

Por último, o deputado Gonzalo Trenor (Partido Popular) defendeu esta quinta feira que o modelo Sogama é "totalmente voluntario" e que ao longo dos anos máis concellos fóronse unindo ao mesmo.