Parlamento

A oposición carga contra a "falta de compromiso" da Consellaría do Mar

Alfonso Vilares compareceu a petición propia. (Foto: Nós Diario)
BNG e PSdeG ven "continuismo" respecto a Quintana.

O conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, compareceu esta terza feira no pleno do Parlamento galego para dar conta da liña de traballo do seu departamento, tres meses despois de que a súa antecesora, Rosa Quintana, fora relevada no cargo. Vilares anunciou que se vai reforzar a "defensa do sector marítimo-pesqueiro" ante todas as instancias, para alén de cargar contra a "desidia" do Goberno estatal para defender a frota galega.

En canto á eólica mariña e o seu acomodo dentro dos Plans de ordenación do espazo marítimo (POEM), o titular da Consellaría cuestionou que se poida levar adiante unha planificación "na que non se tivo en conta ás partes implicadas", como o sector pesqueiro.

A intervención non convenceu a oposición. Tanto o BNG como o PSdeG coincidiron en lamentar que á fronte da Consellaría houbese unha "mudanza de caras, mais non de políticas".

Neste sentido, Rosana Pérez instou Vilares a "asumir" a situación do sector pesqueiro e marisqueiro, afectado por unha perda de produtividade "alarmante e manifesta" nas rías galegas e urxiu un plan de recuperación dotado do orzamento necesario. A nacionalista criticou a "falla de compromiso" da Consellaría, plasmada en temas como a falta de execución dos orzamentos, "como sucedeu en 2022, ano con 197 millóns de euros dos que quedaron sen executar case cincuenta".

Esta denuncia tamén se fixo desde o PSdeG. Patricia Otero falou duns niveis de execución "penosos" dos orzamentos. Advertiu neste sentido das axudas aos mariscadores afectados polo peche de actividade do pasado mes de xaneiro, que "a día de hoxe aínda non cobraron".

"Sen diálogo"

Tanto o BNG como o PSdeG reprocharon a Alfonso Vilares que mantivese a "falta de diálogo" da súa predecesora. A nacionalista Rosana Pérez acusou o conselleiro de Mar de discriminar os representantes do sector que son "molestos", mentres que a socialista Patricia Otero criticou as "prácticas sectarias".