A oposición critica a suba do canon do lixo do "obsoleto" modelo de Sogama

Materiais para reciclaxe en Sogama. (Foto: Europa Press)
Bará e Castro apostan por un novo sistema de xestión de residuos.

O deputado Luís Bará (BNG) e a parlamentaria Paloma Castro (PSdeG) realizaron esta cuarta feira senllas interpelacións á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, pola suba do canon de Sogama aplicado aos Concellos. 

Ambas as intervencións estaban fixadas para a sesión plenaria decorrida hai dúas semanas, mais foron aprazadas pola viaxe da conselleira a Bruxelas para defender a postura do Goberno galego ante os procedementos xudiciais abertos na xustiza comunitaria sobre o desenvolvemento de parques eólicos.

O BNG e o PSdeG cualificaron o aprazamento das interpelacións como unha forma de "esconderse" e "non dar a cara" coa "escusa" da viaxe. Ademais, ambos os grupos esgrimiron que o modelo Sogama "só recicla 21%" dos residuos que xestiona, o que ven como un motivo para dar pasos de cara á configuración dun novo sistema que deixe atrás outro que está "obsoleto".

Pola súa parte, Vázquez defendeu que o modelo de xestión de residuos que leva a cabo Sogama "está avalado pola Unión Europea" e volveu responsabilizar o "afán recadatorio" do Goberno estatal da suba do canon que cobra pola xestión de cada tonelada de lixo aos Concellos adheridos a este sistema.

Bará e Castro lembraron á conselleira que o PP votou a favor tanto da lei de residuos estatal como da directiva europea que estabelecen as penalizacións sobre prácticas na xestión do lixo como a incineración e o enterramento de residuos, unha cuestión na que se basea a Xunta para falar de "afán recadatorio" do Goberno do Estado español. 

Un argumento este último que é visto polo BNG e polo PSdeG como "unha escusa" para "tapar" o "colapso" do sistema de xestión de residuos de Sogama.