A oposición reprocha a Rueda a súa "submisión" á liña política do PP de Madrid: "Non traballa para Galiza"
En dúas semanas, o Parlamento da Galiza acollerá o Debate do Estado da Nación e a proximidade dunha das datas relevantes no calendario político galego xa se fai notar. Alfonso Rueda referiuse esta cuarta feira en varias ocasións a ese debate como o foro onde dará conta de novas medidas e propostas. Medidas e propostas que a oposición lle pedía que dese esta cuarta feira, na sesión de control, pois era onde tiña que explicalas a preguntas de nacionalistas e socialistas.
O BNG e o PSdeG ven nese debate —decorrerá a mediados de outubro— unha oportunidade para marcar unha fin de ciclo do PP na Galiza que consideran cada vez máis evidente. Un ciclo que, en palabras da portavoz nacional do BNG e líder da oposición, Ana Pontón, ten como marca un presidente galego "arrastrando os pés". Esta cuarta feira, na sesión de control, nacionalistas e socialistas coincidiron en reprochar ao titular do Goberno galego que estea máis "pendente" de Madrid que dos problemas e necesidades da Galiza.
"Irrelevante e submiso"
"É vostede un presidente accidental, irrelevante até para os seus e submiso ao PP de Madrid", dixo Pontón, que puxo como exemplo que Rueda se posicionou "contra a oficialidade do galego no Congreso porque o pediu o PP de Madrid".
Un Rueda que esta terza feira, en vez de estar na sesión plenaria do Parlamento galego, estaba no Congreso, "aplaudindo Feixoo, que na súa intervención tivo compromisos para con todas as comunidades excepto para coa Galiza", criticou Pontón. Un Rueda, como reprochou Luís Álvarez, portavoz na Cámara do PSdeG, que o pasado domingo estaba tamén en Madrid, en primeira fila dunha manifestación do PP español. Unha mobilización na que non faltaron as críticas á oficialidade da lingua galega no Congreso.
Álvarez mesmo indicou que se achega o momento de que "o pobo tome a decisión de se quere seguir cun presidente pendente de Madrid ou da Galiza". Unha chiscadela ás eleccións galegas que tamén fixo a líder da oposición cando afirmou que "este país vai apostar por un cambio, non o dubide señor presidente".
Rueda tirou de artillaría pesada. Acusou o BNG e o PSdeG de ser responsábeis de que o Goberno español en funcións "vaia dar" a Catalunya "450.000 millóns de euros" sacados da Galiza e resto de territorios para "pagar" así o custo da investidura de Pedro Sánchez. Atacou o nacionalismo por "irrelevante" e "pouco críbel". Criticou o PSdeG por "defender Pedro Sánchez á custa da Galiza".
Para o presidente, só o PP é quen de facer valer a Galiza. O que Ana Pontón volveu cuestionar: "En vez de dar solucións aos problemas de aquí está vostede obsesionado con Madrid, traballa para o PP de Madrid non para a Galiza", acusouno nacionalista.
Un país sen goberno
Luís Álvarez criticou que Rueda non adopte medidas para axudar eses fogares galegos (máis de 50%) que chegan con dificultade ou moita dificultade a fin de mes, á vez que bonifica o imposto de Patrimonio "para que os máis ricos aforren 33 millóns de euros".
Pontón lembrou que este presidente retirou nun contexto de crise pola suba de prezos a axuda da Tarxeta Básica que permitía 55.000 familias acceder a alimentos e medicamentos. Ante esas críticas, Rueda insistiu en que a Catalunya o Goberno estatal "vaille dar medio billón de euros". Tamén criticou que a oposición siga co tema "dos pinganillos". O mesmo que este domingo criticaron Isabel Díaz Ayuso e Martínez Almeida.