A oposición rexeita por ‘’cosméticas’’ e “insuficientes’’ as medidas de Rajoy para combater a corrupción

RAJOY

O día despois da demisión de Ana Mato o presidente español presentou dous proxectos de lei con actuacións contra a corrupción. BNG, PSOE, IU e UpyD presentaron emenda de totalidade.

 

O presidente español compareceu esta quinta feira no Congreso para, co ‘cadáver político’ da demitida ministra Ana Mato aínda quente, presentar unha batería de medidas e compromisos contra a corrupción, algunhas delas xa prometidas hai dous anos e outras de novo cuño. Dous proxectos de lei presentados por Mariano Rajoy para combater a corrupción á vez que afirmaba que “non existe a corrupción xeralizada”. Pediu o presidente perdón polas persoas corruptas no seu partido e cargou contra os que cualificou de “salvapatrias das vasoiras”, en referencia a Podemos.

Rajoy debullou medidas como a da reforma do código penal para que o financiamento ilegal sexa delito de seu ou o endurecemento das penas de inhabilitación. Tamén propuxo actuacións de maior transparencia polo que sexan públicos os nomes das persoas doantes aos partidos.

Non lexitimado

Nin as explicacións de Maria Rajoy sobre a corrupción nin as medidas contra a mesma convenceron á oposición. BNG, IU, PSOE e UPyD presentaron emendas de totalidade a eses dous proxectos.

Para a portavoz nacionalista galega estas propostas do goberno son meramente “cosméticas” e “insuficientes”. Cualificativos que tamén se empregaron desde outras bancadas de grupos parlamentares da oposición. Olaia Fernández Davila lembrou que Rajoy xa prometera hai dous anos medidas contra a corrupción “e daquela falara como un dos seus grandes compromisos”. A parlamentar meteu o dedo na chaga ao falar de que a privatización dos servizos públicos e as portas xiratorias son tamén aspectos que favorecen a corrupción.

Fernández Davila considera que Rajou debería deixar o cargo pola súa defensa "numantina" de cargos imputados por corrupción, unha demanda que tamén fixeron outros grupos, como o de Amaiur ou IU.

O portavoz de Amaiur pediu na súa intervención a “disolución” do Partido Popular e asegurou que ao PP “non lle interesa” loitar contra a corrupción. Desde ERC pediron ao presidente español “menos discursos” e “máis compromisos”, incidindo no grao de corrupción existente no Estado español, que mesmo atinxe “a familia Real”.

Para Izquierda Unida, Rajoy non posúe autoridade para loitar contra a corrupción e emprazou o presidente español a que demitise e convocase eleccións após lle reprochar que coa que caeu nestes tes anos “non fixese nada”. CiU convidou a Rajoy a "tomar nota" das medidas contra a corrupción que foron aprobadas pola Generalitat.

Pedro Sánchez (PSOE) insistiu no discurso que mantén desde a súa chegada á secretaria Xeral dos socialistas, dicindo que Rajoy non está capacitado para impulsar “a rexeneración” que precisa o Estado español.