A oposición valora a protesta en defensa do mar como "exitosa" e Rueda minimízaa
Os líderes de BNG, PSdeG e Sumar que o domingo participaron na manifestación en defensa do mar convocada por máis de 120 colectivos como "unha mostra de dignidade". Ana Pontón, líder da formación nacionalista e candidata a presidir a Xunta da Galiza, reivindicou esta segunda feira que a capital galega acolleu unha "mobilización de dignidade", ao tempo que reprobou que o presidente galego, Alfonso Rueda, acuse os seus rivais de "danar con boatos" o sector pesqueiro.
"Vimos unha manifestación de dignidade fronte á incompetencia, a mentira e as manipulacións dun Goberno do PP que non só demostrou a súa ineficacia nesta crise dos pellets, senón que tamén nos está a demostrar que non respecta a cidadanía deste país", advertiu esta segunda feira Pontón, logo de manter unha xuntanza con Adega.
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, expresouse na mesma liña, afirmando que a protesta do domingo foi "un grito contra a manipulación" do PP. "A mobilización buscaba, sobre todo, evidenciar que o pobo galego non admite como fórmula de xestión dun país a manipulación, a mentira", sostivo o xefe de filas do PSdeG. Ademais, a formación socialista anunciou esta segunda feira que presentará mocións nos concellos para exixir o Executivo galego "os recursos necesarios" ante a vertedura de granulados plásticos que afecta o litoral da Galiza.
Para Marta Lois, candidata de Sumar á presidencia da Xunta, a manifestación contra a xestión da vertedura de pellets plásticos nas costas galegas é "un síntoma" do cambio político que, vaticinou, haberá na Galiza após as eleccións do 18 de febreiro. En Compostela escoitouse "un grito unánime de clamor contra as políticas nefastas, as mentiras e a incompetencia do PP", esgrimiu.
"Víuselles o rabo"
Pola contra, Rueda, que trasladou o seu respecto a quen "lexitimamente" acudiron a Santiago este domingo, advertiu que a protesta foi menos multitudinaria do "agardado inicialmente". Para o candidato do PP á Presidencia da Xunta, na manifestación "non faltou absolutamente ninguén", en relación ás formacións políticas que asistiron á protesta, ás que acusou de "manipular". "Onte [polo domingo] volveu vérselle o rabo clarisimamente", dixo.