MUNICIPAIS2015

Apenas 164 persoas votan para elixir Miguel Doval como candidato de Ourense en Común

(Foto: Ourense en Común)

Das 1.666 persoas convocadas para decidir o cabeza de lista da formación, só un 10% dos e das votantes participaron do novo proceso. Os abandonos de Compromiso, Anova e Podemos deixan á platafoma cidadá baixo mínimos.


Ourense en Común xa ten candidato ás eleccións municipais do 24M. O líder veciñal Miguel Doval encabezará finalmente as listas do movemento cidadá, logo da anulación do proceso de primarias e do sucesivo abandono dos partidos que integraban o proxecto cidadá. Con apenas 164 votos, un 10% das persoas con dereito a voto, Doval será o 'alcaldable'. 

Os asinantes do manifesto inicial de Ourense en Común, unhas 1.666 persoas, estaban convocadas ao proceso. Tras Miguel Doval, na lista estará Ledicia Piñeiro, exmilitante de Esquerda Unida e presidenta de Ourense en Común

A anulación das primarias, nas que participaron dez veces máis persoas, marcou a saída de Compromiso, Anova e Podemos.

O número tres recaeu sobre o antigo membro de Anova, Martiño Xosé Vázquez; mentres que os postos do catro ao nove estarán ocupados por Montse Valencia, Carlos Miguélez, Maravillas Calviño, Javier Octavio de Toledo, Montse Malvar e Emilio R. Tilve. A candidatura presentarase de forma oficial a próxima terceira feira.

A anulación das primarias por denuncias de 'carretaxe' de votantes, nas que participaran 1.500 persoas, marcou o abandono de Compromiso por Galicia, que conseguirá que o seu militante Xosé Mosquera encabezara a lista. 

A raíz da polémica, tamén Anova e Podemos decidiron deixar a plataforma cidadá. No caso da Irmandade Nacionalista, e despois dun debate longo, máis da metade da militancia considerou rachar con Ourense en Común. Dende Podemos, a razón principal foi a nova fórmula elixida fronte as primarias abertas, cunha lista decidida “por consenso”.

Tamén numerosos activistas e referentes sociais da cidade das Burgas, así como impulsores do movemento, teñen abandonado o proxecto nos últimos días. O escaso número de votos para elixir a Miguel Doval mostra o crecente rexeitamento ás decisións tomadas pola formación.