Pablo Iglesias abre a asemblea de Podemos instando a un “novo patriotismo”

Asemblea de Podemos

O líder da emerxente formación afirma que “están preparados para gañar” o poder en España e solicita un aplauso “irónico” a quen di que chegan “divididos”. “O ceo tómase por asalto, non por consenso”, engade.

 

“Podemos gañar o partido. Non nos conformamos con chegar até aquí, con quedar os segundos nas xerais. Saímos a gañar e diso teñen medo”, asegurou Pablo Iglesias, líder de Podemos, ao inicio do encontro no que as bases da súa emerxente forza debaterán sobre o modelo de partido, a estratexia electoral -con dúbidas por exemplo en Galiza sobre se ir en solitario ou unirse ás Mareas- e os principios éticos dos que debe dotarse a organización, na que o que foi asesor de AGE nas autonómicas de 2012 insistiu que “a nosa patria é a xente”, dentro da idea que defende dun novo patriotismo español, que en teoría asume a autodeterminación pero, no caso do seu cabeza de lista nas europeas, non se sinte partidario da independencia de Catalunya.

En Galiza e no Estado hai distintas sensibilidades en Podemos sobre se presentarse ás municipais ou integrarse en, por exemplo, as Mareas

Iglesias referiuse aos "adversarios" que lles miran "con medo" e que intentan dar unha impresión de que están "divididos". "Por que pensades que nos miran? Porque saben que podemos gañar. Estamos cambiando de fase e xa non somos só un movemento cidadán. Está nacendo unha forza política preparada para vencer e para gobernar e por iso non imos ter ningún medo a discutir de estratexia e táctica", sentenciou, antes de pedir un retranqueiro aplauso “a quen di que estamos divididos”. Hai dúas propostas organizativas sobre a mesa. 

Volveron as críticas ao que chaman “casta”: “Pensaban que unha discusión en Podemos ía a ser como no PP e PSOE, que pactan entre as familias e ofrécense postos a cambio de consenso”, dixo, para logo deitar unha proclama de aires comunistas: “O ceo tómase por asalto, non por consenso”. 

Durante a fin de semana ten lugar a asemblea, que despois dará paso a un proceso de elección dixital durante sete días no que Podemos decidirá, co liderado de Pablo Iglesias e o seu grupo no aire malia o seu indubidábel tirón popular, que as enquisas colocan perto de segunda forza a nivel estatal, recollendo votos mesmo do PP e moitos na esquerda.