Pablo Iglesias destitúe o secretario de organización de Podemos

Pablo Iglesias [Imaxe Podemos]

Nun sucinto comunicado de imprensa atribúese para si propio as funcións desta responsabilidade entretanto non é exlixida outra persoa. 

O secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, comunicou na noite de onte (15 de marzo) a destitución do responsábel de Organización, Sergio Pascual. Atribúe esta decisión á "xestión deficiente" das crises territoriais abertas na Galiza, Euskadi ou La Rioja e atribúese para si propio as funcións desenvolvidas pola Secretaría de Organización até non ser eleita unha nova persoa. 

Segundo o comunicado de imprensa, Pascual manterá a acta de deputado no Congreso español pois esta ten un carácter "persoal e intransferíbel" de acordo coa lexislación. 

A destitución de Sergio Pascual coincidiu tamén coa publicación dunha carta aberta asinada por Iglesias e dirixida á militancia e círculos de Podemos na que o líder de Podemos chama a non constituír "correntes nen faccións" que "compitan polo control dos aparatos e os recursos" da formación.