Pablo Iglesias promete xa como secretario xeral de Podemos “abrir o fecho do 78”

iglesias-podemos-eitb_foto610x342

Proclamado secretario xeral do seu partido, o eurodeputado cre que a súa formación "vai gañar" as eleccións xerais do próximo ano, nun acto no que estivo presente Martiño Noriega, de Anova. 

 

O maioritariamente proclamado secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, avisou no seu discurso de proclamación que Podemos non é un "experimento político" senón “a resposta da xente” para construír unha alternativa ante un "réxime que se derruba", alternativa que, segundo prognosticou, vai gañar as próximas eleccións xerais no Estado dentro dun ano.

"Estamos ante un réxime que se derruba", afirma o madrileño

"Pois claro que podemos", asegurou Iglesias este sábado desde o escenario do Teatro Nuevo Apolo, onde decorreu o acto de clausura da asemblea constituínte de Podemos, e desde o que defendeu a necesidade de poñer en marcha un proceso para "abrir o fecho do 78", en referencia á Constitución.

"O sorriso está empezando a cambiar de bando. Cando vos insulten, sorride, porque imos gañar", insistiu, á vez que recoñeceu que aínda que os dez meses de vida de Podemos foron difíciles, "as verdadeiras dificultades empezan agora" e cando, segundo o líder da formación, gañen as eleccións estatais o próximo ano.

No acto estiveron presentes líderes de diversas formacións de esquerda, entre elas Martiño Noriega, de Anova.