Pachi Vázquez prefire que o PSdeG evite a persoas imputadas nas súas listas

Pachi Vázquez

O antigo líder socialista deixa aberta a posibilidade de presentarse á alcaldía de Ourense e cualifica a actitude de Feijóo no Parlamento como “faltona”.

O deputado e anterior secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, cre que un ou unha imputad@ "arrastra un lastre moi grande para o partido", á hora de presentarse como candidato a unhas eleccións. Así, nunha entrevista concedida na Cadena Ser este domingo, Vázquez recordou que serán @s militantes os que decidan quen se presenta ás eleccións, mediante primarias.

"O presidente non pode subir e insultar a todo o mundo" afirma o ex-alcalde do Carballiño

Preguntado pola posibilidade de presentarse como candidato ás primarias para a alcaldía de Ourense, Vázquez non quixo desvelar o seu futuro, e subliñou que agora lle “toca estar” no Parlamento. Porén, todo indica que aspirará a ese posto.

Así mesmo, o antigo líder do socialismo galego falou sobre a tensión e os insultos que dominan os Plenos da Cámara, dos que culpou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen na súa opinión, é "un faltón". “Non pode subir ao escano e insultar a todo o mundo", actitude que considerou de "faltón de taberna", porque “como é o primeiro e o último en falar e non lle van poder replicar comete esa covardía”