O Parlamento aprobou en 1983 un sistema de concerto para Galiza a proposta dos populares

O presidente da Xunta da Galiza e un dos promotores do concerto, Gerardo Fernández Albor. (Foto: Xan Carballa)

O combate ao sistema de concerto fiscal e a defensa do réxime común de financiamento é un dos cabalos de batalla dos populares galegos e españois. Mais isto non sempre foi así, en 1983 defenderon na Cámara galega un modelo de financiamento baseado nunha relación bilateral entre a Galiza e o Estado.

O 23 de novembro de 1983, o Parlamento da Galiza tomaba en consideración unha proposición de lei para a reforma do Estatuto de Autonomía que fixaba que as relacións tributarias entre a Galiza e o Estado se regularían mediante un sistema de concerto ou convenio. A proposta foi aprobada cos 33 votos favorábeis dos deputados populares, dos independentes e de Camilo Nogueira (Esquerda Galega) e contou co rexeitamento de 27 parlamentarios, procedentes do Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG), dos Centristas, de Coalición Galega e do Partido Comunista de Galicia (PCG). Os representantes da coalición BNPG-PSG non puideron participar da votación por ser expulsados da Cámara e privados dos seus dereitos parlamentarios un mes antes.

A proposta de modificación do Estatuto de Autonomía foi presentada polos parlamentarios de Alianza Popular (AP), partido liderado por Manuel Fraga e antecedente do actual Partido Popular, e polos seus socios independentes. A iniciativa estaba asinada por algúns dos máis significados membros de AP e do Goberno galego, como o naquela altura presidente, Gerardo Fernández Albor, o vicepresidente Xosé Luís Barreiro Rivas, o conselleiro de Economía, Carlos Mella; o conselleiro de Educación, Víctor Vázquez Portomeñe; o conselleiro de Sanidade, Javier Suárez Vence, ou deputados como Tomás Pérez Vidal ou José Luis Torres Colomer.

O sistema de concerto

A proposición de lei defendía no seu artigo 5 que “as relacións de orde tributaria entre o Estado e a Comunidade Autónoma da Galiza regularanse mediante o sistema de concerto económico ou convenios que garantirán como mínimo o custo efectivo dos servizos asumidos”. Na mesma liña, estabelecía que “o concerto aprobarase por Lei” e fixaba que “a Xunta da Galiza poderá manter, estabelecer e regular, dentro do seu territorio, o réxime tributario atendendo á estrutura xeral impositiva do Estado e de acordo coa lexislación substantiva vixente en cada momento”.

Axencia tributaria galega

A iniciativa presentada polos populares determinaba que “o réxime de cota ou concerto axeitarase aos seguintes principios”, recollendo entre eles que “a exacción, xestión, liquidación e inspección de todos os tributos, non sendo os integrados na renda de aduanas ou recadados a través dos monopolios fiscais, efectuarase, no ámbito do territorio autonómico, polos servizos da Xunta da Galiza, sen prexuízo da colaboración do Estado”. Na mesma liña, estabelecía que “o custo dos servizos asumidos garántese polo Estado. A súa cobertura aplicaráselle á recadación dos tributos concertados. O posíbel exceso integrará a contribución da Galiza á cota”.

O texto lexislativo formulado por AP afirmaba que “para o sinalamento da cota constituiríase una Comisión Mixta integrada, de xeito paritario, por representantes do Estado e da Xunta da Galiza. A cota así acordada unha vez cuberto o custo dos servizos asumidos probarase por lei, coa periodicidade que se fixe, sen prexuízo da súa actualización anual polo procedemento que se estabeleza no concerto. O réxime de concertos aplicarase de acordo co principio de solidariedade á que se refiren os artigos 138 e 156 da Constitución”. Nesta redacción, son evidentes as similitudes coa fórmula legal empregada en Euskadi e Nafarroa.

"Un instrumento eficaz"

O sentido da proposición de lei foi explicado na sesión parlamentaria do 23 de novembro de 1983 polo entón conselleiro de Economía do Goberno galego, Carlos Mella, principal promotor da proposta do concerto. Nesta liña, Mella asegurou que con este modelo de financiamento “lograríamos para Galiza un instrumento áxil e eficaz, que ademais de dotar Galiza da autonomía financeira imprescindíbel, aseguraría os recursos necesarios para lograr que o noso pobo dispuxese de niveis de benestar semellantes aos de calquera outra comunidade”.

Carlos Mella explica a Nós Diario que “facendo as contas naquel tempo, Galiza padecía un déficit moi importante que xeraba problemas para prestar os servizos porque Galiza non existía para o Goberno central, polo que pensabamos que un sistema de concerto podía resolver os problemas de financiamento que tiñamos”. Na mesma liña, apunta: “Dábame conta de que Galiza era unha comunidade histórica desaparecida, mentres Catalunya e Euskadi funcionaban de verdade, polo que se a Constitución estabelece que hai tres nacionalidades, estas teñen que ser iguais, pero Galiza renunciou aos seus dereitos e desapareceu do mapa político do Estado”.

Infrafinanciada

“Galiza está infrafinanciada” asegura Mella, “e isto é de libro, sábeo calquera e abonda con repasar as partidas e o custo dos servizos para velo”. Neste sentido, entende que “unha axencia tributaria galega é necesaria para recadar os cartos e facer as contas” e considera que “os galegos teñen que botar unha pensada se queren ser suxeitos políticos de verdade”. A este respecto, considera que “ou Galiza é gobernada algún día por un Goberno que mire para a Galiza, cun nacionalismo serio que xogue, ou isto é moi complicado”. Neste punto, destaca que “aquí gobérnase desde Madrid e estes administran o que lles deixan” e critica o PP e que “o señoritismo galego está sempre dicindo que hai que estar caladiños”.

Barreiro Rivas estaba disposto a mudar a Constitución para aprobar o concerto galego

A liña argumental que partillaron os voceiros do Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG), de Centristas, de Coalición Galega e do Partido Comunista de Galicia (PCG) para rexeitar a proposta do concerto presentada polo Goberno galego era que esta implicaba unha reforma do Estatuto de Autonomía da Galiza e da Constitución española.

Precisamente, unha das respostas máis contundentes a esta tese chegou da man do vicepresidente da Xunta da Galiza e portavoz dos populares, Xosé Luís Barreiro Rivas, que firmou: “Sorpréndeme igualmente que se dea argumento fundamental para oporse (...) que isto implica un referendo, que implica unha reforma do Estatuto, que implica, ao mellor, unha reforma da Constitución. E que? Indubidabelmente, se a razón fose insuficiente -utilizo a palabra anterior, se a razón fora suficiente-, os instrumentos de reforma do Estatuto, do referendo e da reforma da Constitución están previstos na democracia, están previstos pola leis”.

Barreiro afeou os críticos do sistema do concerto: “Como se pode seguir defendendo, como dicía o señor Mella, que o financiamento da comunidade autónoma se siga facendo por baixas dos orzamentos do Estado, ao arbitrio absoluto da Administración central, cando lle peta, como lle peta, na contía que lle peta e sen que haxa en absoluto posibilidade de se opor?”. Na mesma orientación, denunciou que a Lei orgánica de financiamento das  comunidades autónomas (Lofca), aprobada en 1980 e aínda vixente, non se estaba cumprindo, en liña co defendido polo deputado socialista Ceferino Díaz.