O Parlamento insta a Xunta a facer unha investigación sobre a venda do Popular-Pastor

A proposta do BNG logrou o apoio do resto de grupos no Parlamento.

A venda do Banco Popular-Pastor ten un impacto especial na Galiza. onde esta entidade ten 20% da cota de mercado, un plantel de perto de mil traballadores e un numeroso grupo de aforradores e accionistas. De aí que o BNG presentase na comisión de Economía do Parlamento unha iniciativa con vistas a “promover a investigación das causas últimas deste proceso de venda, promover o mantemento dos postos de traballo e dunha rede de oficinas suficiente para non prexudicar as persoas usuarias, promover unha posición de país para defender a todos os aforradores e pequenos accionistas diante desta estafa, especialmente a aqueles traballadores/as do propio banco aos que mediante coerción forzaron a adquirir participacións”.

 

O BNG logrou o apoio de todos os grupos da Cámara para demandar ao Goberno da Xunta a elaboración dese informe. “Unha nova tremendamente negativa para o país”, indicou a deputada Noa Presas durante o debate da iniciativa após relatar como “progresivamente se foi consumando a estratexia consciente de concentrar e centralizar o sector financeiro, privatizando e bancarizando as caixas de aforros e reducindo o número de entidades”.

 

A Comisión de Economía tamén aprobou pedir que a Axencia Tributaria corrixa os erros detectados no proceso informático e poder realizar e presentar, -con normalidade e axilidade-,  vía telemática a declaración da renda en galego.