O Parlamento investigará os "sobrecustos" do Hospital Álvaro Cunqueiro

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, esta terza feira no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
A comisión analizará os contratos do circulo familiar de Feixoo.

O Parlamento da Galiza investigará os sobrecustos de 470 millóns nas obras do Hospital Álvaro Cunqueiro e os contratos con empresas vinculadas ao círculo familiar de Núñez Feixoo. Malia que o PP rexeitou esta terza feira na Cámara unha proposta do BNG nesa dirección, os nacionalistas recorrerán ao disposto no artigo 52.1 do regulamento para sacala adiante

O artigo 52.1 do regulamento do Parlamento da Galiza estabelece que “poderase crear de xeito automático unha única comisión de investigación por lexislatura de o solicitaren un terzo dos deputados e das deputadas da Cámara que pertenzan a un mesmo grupo parlamentario, ou as dúas quintas partes dos deputados e das deputadas da Cámara”. Precisamente, a esa fórmula acudirá o BNG, que conta co mínimo exixido de 25 escanos, para investigar diversos contratos formalizados polos Gobernos de Núñez Feixoo e Alfonso Rueda

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou na súa intervención na Cámara que "imos usar a forza dos nosos 25 deputados para que se investigue", tras certificar a intención do Partido Popular de non apoiar a investigación duns procedementos que están no foco da opinión pública tras diversos informes de fiscalización elaborados polo Consello de Contas Galiza. Neste sentido, a dirixente nacionalista afirmou que "só quen ten algo que agochar ten medo a unha comisión de investigación”. 

Pontón lembrou o sobrecusto nas obras do Hospital Álvaro Cunqueiro. Nesta dirección, sinalou que “o Hospital Álvaro Cunqueiro ía ser financiado con fondos públicos, pero Núñez Feixoo apostou por privatizar a súa construción e xestión, deixándonos un hospital máis pequeno, con 700 camas menos, con 11.792 metros cadrados menos de áreas hospitalarias e 16.690 metros cadrados menos de aparcadoiro polo que pagamos 470 millóns de euros máis". Ao tempo, denunciou os contratos do Goberno galego coa empresa Eulen, dirixida na Galiza pola irmá de Feixoo, ou Universal Support, onde exerce como directivo un irmán da parella do anterior titular da Xunta.

A deputada socialista Elena Espinosa apoiou a proposta dos nacionalistas, asegurando que a privatización do Hospital Álvaro Cunqueiro fíxose “para beneficiar a un fondo de inversión estranxeiro”, optándose por unha fórmula resultou “nefasta para as arcas públicas ademais de opaca e chea de irregularidades”. Nesta orientación, significou que “non foi a máis eficiente economicamente e alongou o endebedamento até 2035”. Ao tempo, a creación dunha comisión de investigación sobre este tema contou co voto favorábel do deputado de Democracia Ourensá (DO), Armando Oxea.

O grupo parlamentario do Partido Popular rexeitou investigar os contratos en cuestión da Xunta da Galiza. A este respecto, o seu voceiro, Alberto Pazos, asegurou que “non hai ningunha dúbida sobre os contratos asinados por este Goberno durante a pandemia” e negou que o informe do Consello de Contas respecto do Hospital Álvaro Cunqueiro cuestionase o modelo de contratación escollido e denunciase sobrecustos na execución das obras. Nesta liña, acusou o BNG de "levar 15 anos buscando irregularidades sobre o Goberno galego e non atopando nada".