18-F

A participación dispárase até un 67,24% de récord nunhas eleccións galegas

Colexio electoral de Lalín. (Foto: Nós Diario)
O PP obtería 40 escanos; seguido do BNG, con 25 escanos e do PSdeG, con 9. Entra tamén na Cámara galega, cun deputado, Democracia Ourensá.

Galiza rexistra, co 87,1% do voto escrutado, unha participación de 67,24% nas eleccións ao Parlamento deste 2024, unha cifra que está case 20 puntos por riba da rexistrada nos comicios de 2020, marcados pola pandemia, e nos que votaron o 48,97% dos electores e electoras. En 2016, esta porcentaxe fora de 53,63%. Esta é a cifra máis elevada na historia das eleccións ao Parlamento da Galiza.

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, compareceu sobre as 22 horas deste domingo para dar os resultados electorais co escrutinio superando o 80%, á espera dos datos definitivos ao feche do reconto e de incluír o voto CERA, que suporá 29.300 papeletas máis. Por circunscricións , coa porcentaxe de voto escrutado até o momento, na Coruña votou un 65,84%; en Lugo, o 69,82%; en Ourense, 68,75%; e en Pontevedra, o 67,24%.

Desta maneira, o PP obtería 40 escanos; seguido do BNG, con 25 escanos e do PSdeG, con 9. Entra tamén na Cámara galega, cun deputado, Democracia Ourensá. O resto de forzas políticas non lograrían representación no Parlamento. Villanueva agradeceu á Administración, aos que estiveron nas mesas electorais e a toda a cidadanía o seu "comportamento cívico" durante toda a xornada e aproveitou para "felicitar o pobo galego por esta participación tan importante".

Datos

En total, o censo electoral para estas eleccións á Cámara galega ascende a 2.693.633 persoas, xa que aos máis de 2,2 millóns de electores censados e censadas na Galiza, hai que sumarlle os 476.544 rexistrados no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA). Destes últimos, finalmente votaron 29.300, o que supón o 6,15% do total.

Os resultados deste voto, que por primeira vez despois de tres comicios na Galiza non foi 'rogado', daranse a coñecer o 26 de febreiro. No 2020 votaran 5.404 persoas (1,17%); en 2016, 10.777 (2,41%); e en 2012, 12.954 (3,26%). Mentres, en 2009 depositaran o seu voto no estranxeiro 101.708 electores, un 30,2% do total.

A participación até as 12 horas deste 18 de febreiro de 2024 era do 17,12%, cifra que se situaba 2,3 puntos por baixo da rexistrada a esa hora na convocatoria electoral de hai catro anos e dous puntos por riba da cifra de participación na cita coas urnas de 2016, cando ao mediodía acudiran a votar o 15,01% dos electores.

Pola contra, ás 17 horas a participación disparábase e superaba o 49%, algo que non ocorría desde os comicios de 2009. Aliás, situábase seis puntos por riba do 42,97% dos comicios de 2020, marcados pola pandemia, e do 42,49% rexistrado nas galegas de 2016. En 2012, a afluencia a esta hora fora do 42,5%.