Silvia Fraga

"Os partidos da oposición terían que aproveitar a lexislatura para rearmarse"

Silvia Fraga

Esta quinta feira no #VenhanMais5 toma a palabra Silvia Fraga, consultora de comunicación pública e directora de Stem by me.

 

-Como avalías o estado actual da política galega?

 

-Neste momento cun liderado case único, asumido por Alberto Núñez Feijóo, e cunha figura destacable que logrou transmitir a forza da súa marca nas últimas eleccións autonómicas: Ana Pontón. Unha muller que foi quen de centrar a súa mensaxe e dirixila dun xeito claro aos seus militantes, que estaban desilusionados pola deriva do BNG ata entón. Pola banda da Marea, percibo unha falta clara de estratexia: as intervencións teñen escaso percorrido político e as mensaxes son incertas, polo de agora. No que respecta ao PSdeG, segue sen rumbo, sen líder e sen proxecto dous anos despois. Polo tanto, poucos movementos especialmente interesantes podemos albiscar na política galega a curto prazo. Semella que Galicia decidiu un goberno de ampla maioría, polo que os partidos da oposición terían que aproveitar a lexislatura para rearmarse ante unha cidadanía que os está agardando.

 

-Que evolución agardas da política galega a cinco anos vista?

 

-Agardamos políticos de certa altura, pero non só en Galicia, senón de xeito xeral. Profesionais que saiban transmitir cara onde ir, que encarnen proxectos con marco e marca, con fondo e liderado. Pero por riba de todo, que xeren confianza e un vínculo emocional cos cidadáns mais aló dunha representación institucional, que tamén hai que manter. Non serven só os discursos de mensaxes roubadas das rúas, tamén deben estar á altura das institucións que representan. Coido que as caretas da denominada "maioría social" á que aluden algúns e que xorden nesta era da postverdade, como chaman a este momento no que nos atopamos, non son suficientes para resolver e xestionar un concello ou un país. Finalmente, a sociedade busca líderes aos que seguir, pero teñen que ser capaces de facer cousas e facelas ben. Isto ten o tempo contado, se fai ou non se fai.

 

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

 

-Sermos é na actualidade o único medio non “conservador” que, permítanme o paradoxo, conserva a esencia do xornalismo, do galeguismo, da información tratada con veracidade cun foco absolutamente centrado en Galicia. Unha Galicia que cada vez é máis que unha, como ben reflicte a súa variedade social, económica e cultural. Ser capaces de proxectar as distintas formas de vida e tamén de pensamento supón, para min, o gran reto de Sermos. Agardo de corazón que sexades quen de reflectir todas as Galicias. Cada vez máis plurais, cada vez máis abertas.