Eleccións Europeas 9-X

Prado espera un "magnífico resultado" nas europeas como "colofón" ao ciclo electoral do último ano

José Manuel Rey Varela e Paula Prado, esta segunda feira, en Ferrol. (Foto: Nós Diario)
"Queremos que cando un concello pida fondos europeos, non queden atascados nun ministerio", di a secretaria xeral do PP.

A secretaria xeral do Partido Popular na Galiza, Paula Prado, mostrou esta segunda feira a súa confianza en que os populares lograrán un "magnífico resultado" o próximo 9 de xuño que servirá de "colofón" ao ciclo electoral do último ano, no que se produciron eleccións municipais, estatais, galegas e, agora, comicios á Eurocámara.

A 'número dous' do partido fixo campaña hoxe en Ferrrol acompañada do alcalde da cidade naval, o tamén popular José Manuel Rey Varela, onde incidiu en que Galiza ten "moito" en xogo nas europeas. "Queremos que cando un concello pida fondos europeos, non queden atascados nun ministerio", aseverou Prado, en declaracións aos medios, nas que tamén incidiu en que é necesario que sexan "atendidas" as peticións de axudas para a industria ou o naval ou que Galiza "sexa escoitada" en asuntos como a política agraria común ou a pesca.

"O Partido Popular de Galiza gañou hai un ano, nas eleccións municipais, en 191 concellos, e alcanzou 150 alcaldías", incidiu a deputada galega, que subliñou que "todos eses alcaldes agora están a apoiar estas eleccións europeas para conseguir un magnífico resultado". Así, confía en que o 9 de xuño supoña o feche "dun ciclo electoral de catro procesos" que, segundo Prado, foron gañados polo PP. "Agora queremos pór o colofón cun gran resultado nas eleccións europeas", apostilou.

Ferrocarril

Pola súa parte, o rexedor asegurou que Ferrol tamén se xoga moito nestas novas eleccións, como a inclusión da cidade na rede básica transeuropea de transportes. "É fundamental que Ferrol poidamos ter conexión de alta velocidade de pasaxeiros, a través da Coruña, e que poidan saír as nosas mercadorías de noso porto exterior", engadiu, e tamén puxo o acento na importancia de levar a cabo a construción da estación intermodal, xa que se trata da "única cidade galega" que non conta con unha.

"Ferrol xógase moito, estamos nun momento ilusionante para a cidade, que hai un ano elixiu unirse para superar o bloqueo, para superar a parálise, para superar os enfrontamentos permanentes" e para dar paso "á xestión, para pensar no día a día e para pensar no futuro, o mesmo que fixeron os galegos", sentenciou.