PAULA VÁZQUEZ VERAO (CERNA)

“Queremos retomar o proxecto orixinario de Anova”

paula verao

É unha das voces de Cerna, corrente interna de Anova-Irmandade Nacionalista. “Unha fronte ampla cívico-política é agora máis necesaria ca nunca”, sostén, ás portas da II Asemblea Nacional.

 

Paula Vázquez Verao, de Sober (Lugo), é concelleira e unha das voces de Cerna, corrente interna de Anova discrepante coa oficial. Ela lembra que após o 11 e o 12 (de outubro, días da Asemblea Nacional de Anova-Irmandade Nacionalista) vai haber un 13 “e van seguir na cidadanía as mesmas preocupacións e problemas aos que temos que saber dar resposta”.

Que agarda Cerna da asemblea desta fin de semana? E que pensas que pode esperar a cidadanía?

Como xa temos expresado publicamente nas emendas, que xa publicamos na nosa web, queremos asentar o proxecto xenuíno de Anova, que se manteña o modelo organizativo, os principios ético-políticos, que non sempre se cumpriron. No político, hai que afondar nas liñas que xa temos definido no seu momento. Creo que unha das eivas de Anova foi que non desenvolveu esas liñas. Vai ser unha fin de semana na que a militancia vai decidir.

E creo que a cidadanía o que espera son alternativas programáticas e que Anova se poña a traballar con todas as súas enerxías e que se poña ao servizo desa unidade cidadá, dese 99%.

"A xente vai debater, escoitar e vai decidir libremente cales son as propostas organizativas e políticas que máis lle gustan"

Hai dous sectores ou sensibilidades claramente diferentes no seo de Anova. Ténsevos sinalado como representantes do sector máis ‘nacionalista’ fronte á un máis volcado na esquera rupturista...

A ver, todo iso é Anova, nacionalismo e esquerda, e nós somos Anova (ri). Non vemos que haxa unha dicotomía, non a hai entre nacionalismo e esquerda. Nós defendemos o proxecto de Anova-Irmandade Nacionalista.

Nesta asemblea hai oportunidade para o acordo? Ou vaise a unha fractura maior?

Anova é de militancia individual. A xente vai debater, falar, escoitar e vai decidir libremente cales son as propostas organizativas e políticas que máis lle gustan e votará polas persoas que entenda que mellor representen iso. Nós agardamos que da asemblea saia unha aposta por retomar o proxecto orixinario de Anova

Cales van ser as cuestións nas que van facer máis fincapé?

O proxecto de Anova é necesario. Temos que desenvolver alternativas para a nosa nación, apostamos por unha fronte ampla cívico-política, que entendemos que agora é máis necesaria que hai un ano, cando a plantexamos...

"Non vemos que haxa unha dicotomía, non a hai, entre nacionalismo e esquerda"

Esa é unha proposta xa coa vista nas municipais...

Apostamos por candidaturas de unidade cidadá construídas desde unha democracia radical, con programas para a maioría social e tamén nas coordenadas do dereito do pobo galego a decidir. Non demonizamos as forzas políticas (nós mesmas estamos nunha!) (ri), mais cremos que hai que apostar claramente pola unidade.