Peaxes, Ferroatlántica e reválidas centrarán a primeira sesión de control a Feijóo na nova lexislatura

Pedro Puy

As abusivas peaxes da AP9, a situación da empresa Ferroatlántica, a aplicación das reválidas e o rescate do hospital Álvaro Cunqueiro son os temas das preguntas que os portavoces dos grupos parlamentarios realizarán ao presidente da Xunta de Galiza no pleno da próxima semana, o primeiro ordinario da lexislatura.

Compareceron perante a imprensa a portavoz e os portavoces dos grupos parlamentares após a xuntanza de voceiros previa ao primeiro pleno da lexislatura. No encontro cos meios, deron conta dos temas sobre os que interpelarán a Feijóo na sesión do próximo 23 de novembro.

Ana Pontón, voceira do BNG, anunciou que vai interpelar o presidente da Xunta de Galiza a respecto das “abusivas peaxes” da AP-9, en tanto que Leiceaga, portavoz do PSdG, indicou que a pregunta irá vencellada aos cambios previstos no marco normativo da educación, no que atinxes ás reválidas de 2º de Bacharelato, mentres que desde En Marea, Luís Villares informou de que a cuestión que ten pensado plantexar xirará arredor da situación na que se acha a empresa Ferroatlántica.

Os plenos ordinarios xa están datados. Os primeiros están previstos para os vindeiro 22 e 23 de novembro. En decembro serán os días 13, 14, 27 e 28.

“Desde o BNG vamos abordar temas de carácter social e laboral. Preocúpanos a situación de Ferroatlántica na Costa da Morte”, afirmou Pontón.

Tema ao que tamén aluden os portavoces de En Marea e do PSOE. Comenta Villares que a súa cuestión vai en relación coa defensa dos postos de traballos. “Cremos que é necesario unha defensa da unidade do grupo Ferroatlántica no ámbito hidroeléctrico e a defensa dos postos de traballo na comarca”, dixo. 

A situación das reválidas será outra das cuestións que se lle plantexarán a Feijóo. “Imos preguntar ao presidente sobre os cambios previstos no marco normativo da educación. Estamos preocupados polo que vai pasar coas reválidas de 2º de bacharelato e sobre como se organiza o acceso ás universidades”, afirmou Leiceaga.

Por outra banda, o rescate do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo é outras das inquedanzas que comparten os voceiros. Falaba Villares do “rescate do ámbito público da xestión do hospital Álvaro Cunqueiro como punto de partida para o rescate do sistema sanitario”. En canto á sanidade pública, Pontón engadiu que procuran “unha sanidade pública na que unha muller que teña que abortar non teña que facelo a 600 km da súa casa”.

As medidas a adaptar para rematar coa pobreza e as alternativas de emprego que o goberno pretende pór en andamento ara reducir o paro na Galiza serán outras das cuestións que os grupos parlamentarios da oposición levarán ao pleno do Parlamento o próximo 22 de novembro.