Pedro Sánchez anuncia en Andalucía a súa candidatura á secretaría xeral

Pedro Sánchez, durante un mitin en Pontevedra nas últimas xerais

Cumpre as expectativas Pedro Sánchez e lanza o seu desafío a Susana Díaz, a líder que manexa o aparato, mais que aínda non anunciou formalmente a súa candidatura.

Sánchez deuse un baño de masas en Dos Hermanas, en Andalucía, e enfatizou que facía o anuncio da súa candidatura á secretaría xeral do PSOE "no corazón do socialismo español".

O home que non puido reinar (en abril, após o acordo con Cs, non conseguiu os votos no Congreso para ser presidente pola oposición combinada de PP e Podemos, e máis tarde acabou por demitir tras ser derrotado polos susanistas no Comité Federal) aspira a retornar á ponte de mando do partido nunha carreira que agora ten dous candidatos, el e o seu ex home de confianza, o ex presidente do Congreso e ex lehendakari Patxi López.

Sánchez adiántase a Susana Díaz, ninguén dubida no aparato do PSOE que líder andaluza dará tamén o paso, e lanza a súa candidatura na confianza de que ten o apoio das bases.

O aspirante ao retorno á secretaría xeral formula o debate precongresual entre dúas opcións, a que el representa, "un partido coherente e críbel onde decide a militancia", e a que encarnaría Susana Díaz, "un partido que se abstén para que goberne o PP".

O problema para Sánchez é Patxi López, e viceversa. En teoría ambos dividen o voto contrario a Díaz