SÓ UNHA GALEGA NO NOVO EXECUTIVO ESPAÑOL

Pedro Sánchez fai oficiais os nomes dos integrantes do seu goberno: 12 mulleres e 5 homes

Grande-Marlaska, en Interior; Máxim Huerta, en Cultura e Margarita Robles, en Defensa, os últimos nomes en coñecerse. Finalmente, no Executivo haberá unha soa galega, Nadia Calviño, de perfil técnico e con apenas vinculacion ao territorio. Non entra no executivo Pilar Cancela, que soaba nas apostas mais que non parecía contar co apoio do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.

DerPFOPX0AAlBOV

O presidente español comunicou esta cuarta feira a Felipe VI os nomes dos novos ministros e ministras, un equipo feito, polos nomes que o integran, con vistas a camiñar cara esgotar a lexislatura máis que a convocar eleccións no curto prazo.

O astronauta Pedro Duque será o próximo ministro de Ciencia, Innovación e Universidades. O madrileño, de 55 anos de idade, é enxeñeiro aeronáutico e foi o primeiro astronauta español. O xuíz Fernando Grande-Marlaska será o novo ministro do Interior. Foi presidente da Sala Penal da Audiencia Nacional desde 2012 e membro do Consello Xeral do Poder Xudicial. Na súa traxectoria impulsou diversas operacións e operativos contra organizacións independentistas vascas. Tamén foi quen en 2007 mandou a xuízo a dous debuxantes de El Jueves pola polémica viñeta de Felipe e Letizia nunha postura sexual.

Margarita Robles, que até agora era portavoz dos socialistas no Congreso, será a ministra de Defensa, un posto para o que nun primeiro momento soou o galego Constantino Méndez.  A socialista vasca Isabel Celáa será a nova ministra de Educación. Foi conselleira de Educación, Universidades e Investigación de 2009 a 2012, no goberno de Patxi López en Euskadi.

Magdalena Valerio, será ministra de Traballo. A fiscal Dolores Delgado será ministra de Xustiza. De 28 anos de servizo, 25 foron na Audiencia Nacional traballando sobre as cuestións de narcotráfico, o terrorismo ETA eo terrorismo jihadista. Luis Planas será o ministro de Agricultura. Planas foi conselleiro de Agricultura da Junta de Andalucía e embaixador de España en Marruecos. Finalmente, Reyes Maroto será ministra de Industria. Maroto é secretaria de Desenvolvemento Sostible no PSOE-M e Portavoz de Orzamentos, Economía, Emprego e Finanzas na Cámara de Madrid.

Màxim Huerta, xornalista e escritor, vai ser o novo ministro de Cultura. Nadia Calviño (A Coruña, 1968), até agora directora xeral de Orzamento da Unión Europea vai ser a nova ministra de Economía, a única galega da equipa de Sánchez. José Luis Ábalos, ministro de Fomento; Carmen Montón, ministra de Sanidade, Consumo e Benestar Social; Meritxell Batet, ministra de Política Territorial e Función Pública;  Teresa Ribera, ministra de Transición Ecolóxica; María Jesús Montero, ministra de Facenda;  Josep Borrell, ministro de Asuntos Exteriores, e Carmen Calvo, vicepresidenta, e ministra de Igualdade.

Fica finalmente fóra do Executivo Pilar Cancela, ex presidenta da xestora do PSdeG, embora ter figurado en todas as apostas até última hora. Todo indica que Cancela, que nas recentes primarias galegas apoiou a candidatura de Juan Díaz Villoslada, non dispuxo do apoio do secretario xeral do partido na Galiza, Gonzalo Caballero.

Comentarios