Perto de 450.000 electores residentes no estranxeiro poderán votar nas eleccións galegas

Supón o 17% do total. Ese grupo, nas eleccións vascas, é apenas o 3,8%.

Un total de 2.701.837 persoas teñen dereito a votar nas eleccións galegas do vindeiro 25 de setembro. Deles, 2.255.602 electores residen en Galiza e 446.235 residen no estranxeiro con concello de inscrición en Galiza. Perto do 17% das persoas que o 25S poden exercer o dereito a voto non viven no noso país. Unha porcentaxe moi diferente é a que presenta Euskadi, o outro territorio do Estado que vota o 25 de setembro. Alí o número de electores residentes no estranxeiro é de 69.130, o que supón o 3,8% do total.

Desas perto de 450.000 persoas que poden votar o 25S, segundo vén de informar esta segunda feira o Instituto nacional de estatística (INE), unha parte considerábel, case unha de cada tres, reside en Arxentina: 156.887. Séguelle Brasil, con 41.266 residentes con dereito a voto en Galiza, Venezuela (38.788) e Cuba, con 37.373 persoas.

Uruguai e Suíza están entre os países onde residen máis de 30.000 galegos que poderán exercer o voto nas eleccións galegas. Francia e Estados Unidos teñen uns 16.000 cada un. Alemaña (14.111 electores), Reino Unido (case 12.000) e México (11.244) tamén fan parte desta listaxe.

Ademais, hai 78.172 persoas que van poder participar por vez primeira nunhas eleccións galegas, pois fixeron os 18 anos desde a anterior votación ao Parlamento de Galiza, uns comicios que decorreron o 21 de outubro de 2012.