Conflito interno polas irregularidades da elección de Podemos en Ferrol

Podemos

Desde Madrid a galega Carolina Bescansa pide “tranquilidade” pero a candidatura Xunt@s Podemos da cidade ferrolá solicita que se “detecten canto antes” as irregularidades que teñen parado o proceso e se anuncie o resultado.

 

A candidatura Xunt@s Podemos de Ferrol pediu aos órganos estatais de Podemos que depuren "as responsabilidades" e que "detecten canto antes" as "irregularidades" rexistradas na votación para elixir secretario xeral e consello na cidade para "evitar calquera tipo de dano persoal ou sospeita infundada sobre @s candidat@s e as candidaturas".

Así mesmo, Xunt@s Podemos reclamou a "máxima transparencia e información constante sobre as indagacións" e que "este período de incerteza finalice canto antes após a depuración das presuntas irregularidades e así se proclamen os resultados coas votacións validamente emitidas".

Pola súa banda, a secretaria de análise política e social de Podemos, a galega Carolina Bescansa, destacou desde Madrid que o sistema informático da formación que lidera Pablo Iglesias "ofrece todo tipo de garantías" polo que cre que a xente de Ferrol "pode estar tranquila".

Fontes consultadas pola axencia Europa Press explicaron que, entre as supostas "anomalías" que teñen parado o proceso en Ferrol atoparíase a duplicidade de votos e de direccións IP. Por iso, Podemos puxo en marcha unha investigación por parte da comisión de garantías democráticas para analizar o sucedido.