Piden a retirada da Medalla de Ouro da Galiza que a Xunta de Fraga concedeu a Álvarez Cascos
Francisco Álvarez Cascos recibiu en 2003 a Medalla de Ouro da Galiza concedida pola Xunta de Manuel Fraga. Álvarez Cascos, daquela ministro de Fomento, recibía este recoñecemento pola súa "especial sensibilidade" para coa Galiza, segundo o Goberno galego. Miles de persoas manifestáronse en Compostela o 25 de xullo daquel ano convocadas por Nunca Máis para protestar contra esta entrega a unha das persoas ás que sinalaban como responsábeis do desastre do Prestige.
O BNG presentou unha proposición non de lei na que pide a retirada deste título a Álvarez Cascos á luz das recentes novas que relacionan o ex ministro con varios casos de corrupción entre os anos 2004 e 2018. Unha prtoposición non de lei que se vai debater esta cuarta feira na Cámara galega.
O texto que recolle a proposta demanda: “O Parlamento insta a Xunta a retirar a medalla de ouro de Galiza concedida en 2003 ao señor Francisco Álvarez Cascos e a solicitarlle a súa devolución.”
A organización nacionalista indica que, "máis alá de decisións atribuíbeis ao daquela ministro que foron perxudiciais para o noso país (a actuación na crise do Prestige xunto coa privatización da AP-9 en 2003 son as máis significativas), as graves acusacións de presunta corrupción que rodean a actuación pública e privada do señorÁlvarez Cascos obrigan tomar decisións en defensa do bo nome, da honra e da dignidade das institucións galegas".
O BNG apunta que durante este tempo "transcenderon informacións xornalísticas segundo as cales o señor Álvarez Cascos ingresou 4,7 millóns de euros de empresas que foron favorecidas por decisións tomadas cando ocupaba postos de responsabilidade no Goberno español".
Segundo estas informacións, Cascos comezou a cobrar destas empresas "en 2004 e seguiu facéndoo até o ano 2018".
Así, o nacionalismo considera que "as institucións galegas non poden pasar por alto estas graves acusacións, que veñen acumularse a outros moitos motivos que xustifican a retirada dos recoñecementos honoríficos concedidos".