Pilar Rojo amordaza o Parlamento

Pilar Rojo [SG]
A presidenta do Parlamento prohibe que os grupos conviden á cidadanía aos plenos. Todas as forzas con representación agás o PP convidan a recuar, ao considerala "unha extralimitación das funcións" que vai "contra os principios democráticos" e é "o mellor exemplo das prácticas represivas do PP"


A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, resérvase o dereito de xestionar o cupo de invitad@s que accederán de aquí en diante á Cámara. Anunciouno nun comunicado enviado aos grupos parlamentares apoiando a súa decisión nos incidentes acontecidos en decembro, cando un grupo de persoas afectadas polo calote das preferentes levou as súas protestas a un pleno ao que asistían como convidad@s. A policía agardába@s á saída para @s identificar.

Porén, Rojo asegurou que "por suposto" que asistirá a cidadanía ao pleno, pois "o Parlamento non debe ser un órgano pechado". Malia isto, recalcou que esta é só unha "primeira medida" coa que pretende "o mantemento da orde" e evitar así "medidas máis contundentes" como o veto do acceso ao público na tribuna. Antes de concluír a nota, a presidenta da Cámara dá máis golpe de autoridade ao sinalar que se reserva "o dereito a adoptar calquera outra decisión para preservar o normal funcionamento da institución".

A oposición repónse; o PP garda silencio
 

Todas as forzas políticas con representación parlamentar agás o PP manifestaron xa o seu rexeitamento a esta medida, e convidan a Rojo a recuar "de inmediato" na súa teima de prohibir a entrada no Parlamento á cidadanía. Así o dispuxo AGE nunha nota de imprensa enviada aos medios, considerando que a orde ditada pola presidenta da Cámara é "unha extralimitación infundada nas súas atribucións".

En termos semellantes pronunciouse tamén o BNG. A formación frontista "oponse firmemente" a eliminar os convites á cidadanía, ao entender que se está "a conculcar" o dereito fundamental de participación nos asuntos públicos. Subliñaron @s nacionalistas que a decisión comunicada por Pilar Rojo "vai claramente contra os principios democráticos".

Tamén o grupo parlamentario do PSOE fixo chegar a súa denuncia contra "o autoritarismo amosado polo PP" ao poñer trabas no acceso á Cámara galega. Remarcaron @s socialistas que o comunicado remitido por Rojo "é o mellor exemplo das prácticas represivas" exercidas na Galiza pola formación conservadora.