Plantar unha árbore ou tomar un vermú: así é o sábado de reflexión
Estar coa familia e descansar son as actividades preferidas polas líderes e candidatas das forzas políticas nesta xornada de reflexión. Porén, hai quen prefire plantar unha árbore, ir ao salón de peiteado ou facer un churrasco.
Aínda que non apelan ao voto, as candidatas e candidatos e líderes políticas dos partidos con actividade na Galiza déixanse ver durante a xornada de reflexión a petición dos medios de comunicación. Queres saber que fai cada un deles?
Alberto Núñez Feixoo, líder do PP na Galiza, apura as últimas horas en Madrid após arroupar o seu xefe de filas, Pablo Casado, no feche da campaña que tivo lugar na capital española. Renunciaba así, fronte ao que fixeron a meirande parte das forzas políticas, a convocar un acto público na tarde da sexta feira na Galiza. A súa número 1 por Pontevedra, Ana Pastor, optou por ir á festa da lamprea de Arbo.
Gonzalo Caballero, do PSdeG, anunciou que iría ao salón de peiteado e que pasaría o día coa súa familia e amigos, mentres que Modesto Poste, candidato ao Senado por Pontevedra preparará un churrasco para as súas amizades.
A candidata de Ciudadanos por Pontevedra, Beatriz Pino, informou de que aproveitará o día para pasear co seu can por Vigo.