O Plenario de En Marea debaterá en xullo o reparto de tarefas dentro da executiva

Imaxe do Plenario de En Marea realizado 17 de decembro de 2016

A Coordenadora (Executiva) de En Marea, de maioría villarista, acordou convocar o Plenario de En Marea -equivalente a congreso ou asemblea nacional- para mediados do mes de xullo.

A nova maioría que goberna a confluencia -froito da alianza entre o sector villarista de Máis Alá, o Queremos Participar que lidera Davide Rodríguez e o Somos Quen nucleado arredor de Cerna- decidiu pór xa na axenda o novo Plenario de En Marea. Terá lugar na primeira quincena do vindeiro mes de xullo -isto é, antes do Día da Patria Galega- e abordará de fronte o grande debate aberto na plataforma, o da polémica atribución de responsabilidades no seo da Coordenadora.

Nun comunicado de imprensa, En Marea afirma que no conclave se dará conta "do informe de actividade da Coordenadora", ao tempo que se oferecerá "unha rendición de contas dos grupos parlamentares e a planificación de liñas para o seguinte semestre". Mais a chave vén a seguir: "No mesmo plenario hanse debater a distribución de responsabilidades dos membros da Coordenadora e do Consello".

A conformación da actual Coordenadora foi obxecto de duras obxeccións por parte dos sectores críticos a Villares, entre os que figuran Anova -agás Beiras e o grupo liderado por Davide Rodríguez-, Esquerda Unida, a Marea Atlántica de Xulio Ferreiro e as correntes de Podemos que non comungan coas teses da líder galega Carmen Santos.

Villares e a súa equipa submeterán, pois, a súa proposta de distribución de responsabilidades á consideración do Plenario. No anterior conclave -decembro de 2016- a grande maioría votou a prol de que o ex xuíz non se vise afectado polo sistema de incompatibilidades e, portanto, puidese acceder á portavocía da organización. As cousas mudaron despois, dado que a lista na que se apresentou ás primarias -Máis Alá- concorreu ao proceso coa proposta de Villares non ser candidato a ese cargo. A rotura do compromiso entre o político de Lugo e os seus aliados -Villares nunca aceitou de bon grao a súa incompatibilidade- deu lugar a un reacomodamento das pezas -e das alianzas- no taboleiro da confluencia. En xullo comprobaremos no seo do Plenario que masa social ten detrás cada un dos sectores en disputa polo control da organización.

O Plenario de xullo debaterá tamén os regulamentos "para os distintos ámbitos, Consello e Coordenadora, e tamén o plano de territorialización", informa En Marea no seu comunicado de imprensa.