O pleno da Deputación de Lugo aproba por unanimidade esixir á Xunta a adopción de medidas urxentes contra a EHE

As mocións de PSOE e BNG contra a subida do canon de Sogama salen adiante grazas ao voto de calidade da presidencia.

Unha vaca coa súa cría no Deza, comarca onde se detectaron os primeiros casos de EHE. (Foto: María Monteiro)
photo_camera Unha vaca coa súa cría no Deza, comarca onde se detectaron os primeiros casos de EHE. (Foto: María Monteiro)

O pleno da Deputación Provincial de Lugo aprobou esta terza feira, co voto a favor de todos os seus membros, demandar á Xunta da Galiza a adopción de medidas urxentes para apoiar as gandarías de vacún na loita contra o avance da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) que afecta numerosas explotacións.

A moción, presentada polo BNG e que contou co apoio do PP, saíu adiante por unanimidade nunha mostra, apuntaron desde o grupo provincial popular, da "sensibilidade" do partido co sector gandeiro galego.

O acordo tivo lugar tan só un día despois de que a Xunta de Galicia anunciase que ía pór ao dispor unha partida de máis de 5,4 millóns de euros en axudas directas aos gandeiros galegos destinada a paliar as consecuencias da enfermidade.

A urxencia de combater os estragos provocados na Galiza pola enfermidade hemorráxica epizoótica foi, con todo, un dos poucos asuntos da orde do día abordados no pleno de setembro da Deputación lucense no que as diferentes forzas políticas alcanzaron un consenso.

Tanto é así que as mocións expostas por socialistas e nacionalistas para reclamar á Xunta da Galiza a suspensión da subida do canon de Sogama aos municipios e a adopción dun novo modelo de xestión de residuos saíron adiante tras dúas votacións igualadas -o PP opúxose á proposta- grazas ao voto de calidade da presidencia.

"Quen está facendo unha mala xestión de Sogama é a Xunta e tamén quen está queimando unha cantidade de residuos que non debería porque están prohibidos por lei", denunciou, antes do inicio da sesión, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, que instou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a indicar "de que parte do orzamento" autonómico van saír os fondos comprometidos polo líder do Executivo galego para "suavizar" o impacto da subida.

Neste sentido, a deputada socialista Pilar García demandou á Xunta durante a súa intervención que "se manteña o canon estabelecido aos municipios galegos de 66 euros por tonelada de residuos xestionada" así como "a anterior bonificación de 15%", mentres que a deputada Iria Castro (BNG), que cualificou de "tomadura de pelo" e "roubo a man armada" a suba do canon, lamentou o feito de que a Galiza sexa "a peor comunidade do Estado en materia de reciclaxe".

Comentarios