A Mesa do Congreso denega o grupo propio a En Marea

PNV e CDC, dispostos a falar co PSOE para unha eventual investidura

Alexandra Fernández no seu encontro con Felipe Borbón [Imaxe En Marea]

Alexandra Fernández (En Marea) instou Pedro Sánchez a saír da postura "covarde" e procurar apoios entre as forzas "progresistas".

Após a segunda rolda de contactos que mantivo o xefe de estado, Felipe de Borbón, coas forzas políticas con representación no Congreso, os portavoces do PNV e de CDC, Aitor Esteban e Francesc Homs, amosáronse partidarios de conversar co PSOE para favorecer unha eventual investidura do seu candidato, Pedro Sánchez, á presidencia do goberno español. 

PNV e CDC acusan o PSOE de estar instalado no "inmobilismo" e avanzan que estarían dispostos a o apoiar nunha eventual investidura

Así o aseguraron en senllas comparecencias públicas logo do encontro con Felipe VI porén, non descartan que o bloqueo no que se atopan actualmente derive nunhas terceiras eleccións. En boa medida polo "inmobilismo" no que cren está instalado o PSOE. En todo caso, ambas as dúas formacións anunciaron un "non" a Rajoy en primeira e segunda instancia. 

Un inmobilismo que tamén ve a portavoz de En Marea. Alexandra Fernández asegurou, en declaracións aos medios de comunicación, que trasladou ao monarca a vontade de "diálogo" da súa organización para favorecer unha "alternativa" ao goberno do Partido Popular conformada por "forzas progresistas, de esquerda e nacionalistas". Unha "porta aberta" que agardan abra o PSOE a quen atribúen esa responsabilidade. 

En Marea quere coñecer o "proxecto político" do PSOE pensando nas eleccións galegas de outono

Fronte á postura "covarde" que En Marea entende está a manter o PSOE e que podería carrexar unha terceira convocatoria electoral, Alexandra Fernández aseguro que é a Sánchez a quen lle "toca mover ficha". Porén, acrecentou, "a estas alturas ninguén descarta nada", tampouco uns terceiros comicios. 

Así as cousas, instou o grupo socialista a explicar cal é o seu "proxecto político" pensando tamén nas eleccións galegas deste outono na Galiza. A este respeito pediu que Sánchez "non dea oxíxeno ao PP" de Alberto Núñez Feijóo apoiando un goberno de Mariano Rajoy no estado. 

Grupo parlamentar

En relación ao grupo parlamentar solicitado por En Marea no Congreso e que lle foi denegado pola Mesa do Congreso, segundo avanzou a TVG, Alexandra Fernández asegurou pola mañá que de ser así --como finalmente foi-- iniciarán conversas con Unidos Podemos para que o "grupo confederal" que xa se constituíu na pasada lexislatura recoñeza os "dereitos" de En Marea a se rexer como unha forza política autónoma. Unhas conversas que, en todo caso, aprazan até a Mesa do Congreso se pronunciar formalmente sobre o futuro das cinco persoas de En Marea eleitas polas circunscricións galegas. 

En declaracións aos medios a deputada non sinalou que fosen acudir ao Constitucional para o reclamar. 

Tamén rexeitou o de Compromís, como fixera en decembro, e adía a decisión a respeito do de Convergéncia.