PNV, primeira forza, e EH Bildu, segunda, ratifican a maioría abertzale en Euskadi

Os 'jeltzales' aumentaron nestas eleccións a 29 escanos a súa maioría no Parlamento Vasco. A esquerda abertzale mantense como segunda forza (17 escanos) e irrompe Podemos, con menos forza da vaticinada polas enquisas.

O PNV gañou con contundencia as eleccións en Euskadi, cun 37,5% dos votos e 29 escanos, dous máis que hai catro anos. O partido 'jeltzale' imponse nas tres provincias e amosa a súa absoluta hexemonía no panorama vasco, onde ten as tres xuntas xerais, as alcaldías das principais cidades e o goberno autónomo. Acadou 3 puntos máis que en 2012. E ten as posibilidades de gobernar co apoio, quer do PSOE, quer do PP, nun escenario estatal enlamado no que ambas formacións españolas van facerlle as beiras para a gobernabilidade de Madrid.

EH Bildu mantense como segunda forza, con 17 escanos, catro menos que nas anteriores eleccións vascas. Mais a esquerda abertzale non foi relegada á terceira praza, como apontaban desde certos medios após os máis que discretos resultados nas dúas últimas citas estatais. É segunda forza en Gipuzkoa e Bizkaia e terceira en Araba. “Os independentistas de esquerda somos presente e, sobre todo, somos futuro deste país”, manifestou Otegi após se coñecer os resultados.

Entra con forza Podemos, 11 escanos, mais moito menos do que lle daban enquisas e sondaxes, que até hai unhas semanas situaban o partido morado como segunda forza nas autonómicas. Viña de gañar as estatais en Euskadi e de levar unha candidata para entrar a saco no electorado da esquerda abertzale. Mais fica a 6 puntos de Eh Bildu e non é quen de derrotalo en ningún dos seus feudos electorais.

PSOE e PP pasan ser minoritarios en Euskadi. Os dous grandes do bipartidismo español suman 9 deputados cada un. 18 nun parlamento de 75. Unha cámara onde as forzas abertzales representan 46 deputados.