Podemos dá por “morto” o acordo co PSOE en Castela-A Mancha

García Page (PSOE) e José García (Podemos)

O acordo entre socialistas e podemitas evitara que o PP, o partido máis votado nas eleccións de 2015, lograse o goberno manchego.

Podemos dá por roto o acordo acadado co PSOE e polo cal lle deu o goberno de Castela-A Mancha ao socialista Emilio García-Page. “O acordo de investidura morreu”, afirmou esta segunda feira José García, secretario de Podemos neste territorio. Un anuncio que chega horas despois dunhas eleccións en Galiza e Euskadi que supuxeron fortes retrocesos para o PSOE e uns resultados para En Marea e Podemos lonxe das súas espectativas.

Podemos di que abre “un tempo de dó, de reflexión en soedade no que poder asumir a perda e traxar novos horizontes”

Podemos argumentou a súa decisión falando de “desalento” e “vergoña” e acusando os socialistas de non “cumprir coa palabra dada”. García responsabiliza o presidente manchego de estar máis pendente de Ferraz e de “decapitar Pedro Sánchez” que de gobernar Castela. García-Page é un dos baróns máis críticos coa liña seguida polo secretario xeral do PSOE. Perante isto, dixo José García, dan por morto o acordo de investidura e abren un “tempo de dó, de reflexión en soedade no que poder asumir a perda e traxar novos horizontes”. 

Nas eleccións autonómicas de 2015 o partido máis votado en Castela-A Mancha foi o PP, cun 37,5% dos sufraxios e 16 escanos. O PSOE obtivo 15 e Podemos, 2. O apoio do partido morado permitíu os socialistas acceder o goberno.