Podemos encara a súa asemblea con dúas propostas diferentes de organización sobre a mesa

Máis de 130.000 inscrit@s para tomar parte na cita que decorre en Madrid e que fixará os principios políticos e organizativos.

 

Madrid acolle esta fin de semana a asemblea cidadá ‘Si se puede’, a súa asemblea fundacional, unha cita que chega no marco do proceso iniciado o 15 de setembro (e que porá o ramo previsibelmente a mediados de novembro) para dar forma organizativa e política a esta formación. Un proceso para fixar os principios organizativos, éticos e políticos de Podemos, para sentar os alicerces de Podemos, a definición do seu proxecto político e, tamén, os rostros dos que van encabezar a formación.

Segundo Podemos son máis de 130.000 as persoas inscritas para esta asemblea fundacional, na que se poderá participar presencialmente ou ben mediante redes sociais ou streamming. Poderán debater e elixir entre dous proxectos, segundo sinalan todos os medios estatais. O que xira en torno a ‘Claro que Podemos’ (Pablo Iglesias, Iñigo Errejón ou JC Monedero) e o nucleado no documento ‘Sumando Podemos’ (euro-deputad@s Pablo Echenique e Teresa Rodríguez). Estes propoñen unha cúpula colexiada de tres portavoces fronte á idea do ‘grupo’ de Pablo Iglesias dunha figura similar á de secretario xeral con amplos poderes.

Mais sobre a mesa hai máis debates: o sistema de elección do ‘Consello Cidadá’ (comité federal). Iglesias, Errejón ou Monederon avogan no seu documento por un sistema de primarias para elixir 81 membros. Echenique e Rodríguez apostan por un órgano onde 60 sexan electas pola asemblea entre candidatos individuais, 20 mediante sorteo entre un censo de voluntarios avalados por un círculo.

Outra das cuestións de disenso é a da dupla militancia. O sector de Pablo Iglesias é contrario, o que choca con Izquierda Capitalista (unha das impulsoras de Podemos, e á que pertence Teresa).

Para JC Monedero, o seu documento “é o que garante unha opción gañadora para as elecións e a máxima democracia para a xente“. Teresa Rodríguez, porén, entende que “precisamos un movimento tan profundamente democrático como eficiente para enfrontar os retos que nos esperan”.

Desde Podemos Compostela informan que habilitaron un punto para o seguimento por streamming do encontro presencial dos días 18 e 19 de outubro. Será no Mesón o Afiador na planta de arriba, na R/ San Pedro, 28.

-Sábado 18. De 11.00 a 21.30 horas.
-Domingo 19. De 11.00 a hora de peche.