Podemos inicia o proceso para elixir a nova dirección na Galiza

Isabel Faraldo e Ione Belarra no Congreso español, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
Nomea un Equipo Técnico cara as primarias.

A Secretaría de Organización de Podemos a nivel estatal creou na Galiza un Equipo Técnico “ poñendo o foco nas primarias que se celebrarán no próximo trimestre” para a escolla do Consello Cidadán Galego.

A formación morada subliña que é o momento de “dar estabilidade e reforzar a organización cara a abrir un ciclo político que traballe repensando o rumbo do país”.

O Equipo Técnico está liderado por Isabel Faraldo (A Coruña), administrativa no Sergas e ex-concelleira do Concello da Coruña e candidata á Xunta de Galicia; Adrián García (A Coruña), representante sindical no sector do Telemárketing e defensor dos dereitos laborais e LGTBIQ+, como responsábel de comunicación; María Jesús Pereiro (Monforte), informática e militante dende 2014, xestionará as finanzas; Toño Naval (Ourense) é o enlace de organización do círculo de Ourense con anos de experiencia na loita social, será o responsábel de organización; Ximena Cheda (Uruguay-Lugo), activista feminista e autónoma nunha libraría lucense, xestionará igualdade e participación.

Por último, Óscar Lomba (Vigo), activista no sindicato de inquilinas cos seus comezos no movemento estudantil contra a LOGSE e traballador do Sergas, ocuparase da área de municipalismo.

A primeira encomenda do Equipo Técnico será realizar asembleas provinciais para reunir a militancia, explicar a situación actual e traballar caras ás próximas primarias.

As integrantes do equipo salientan “o traballo realizado pola anterior dirección galega e aplauden o bo facer e compromiso da mesma”.