Podemos e IU achegan posturas e non descartan unha lista única para as europeas

Fotos:ManchaObrera

Representantes de ambas formacións mantiveron unha xuntanza na sede de federal de Izquierda Unida da que saíu acordado un texto de 7 puntos e un compromiso para avaliar unha candidatura unitaria, segundo sinalan medios españois. 

A sede federal de IU acolleu a xuntanza entre representantes de Izquierda Unida e de Podemos. Pola primeira, o seu secretario de Organización Miguel Reneses e o membro da Dirección Enrique Santiago. Por Podemos estivo o mediático Pablo Iglesias, un dos motores e o rostro coñecido desta plataforma.    

Infolibre cita a un membro da dirección de IU, eufórico: “Isto é unha bola imparábel”

Segundo informan diarios como Público e Infolibre, nesta xuntanza acordouse por ambas as dúas partes un texto de sete puntos, documento no que se coincide en dar por roto “os acordos constitucionais” e na necesidade de construír “un bloque social”.

Acordaríase tamén elaborar conxuntamente un programa e un modelo de candidatura para, despois, falar de cabezas de lista. Porén, ambas partes alaboraron un documento conxunto sobre a xuntanza e o acordado na mesma, comunicado moi agardado nas redes sociais, onde a nova xerou toda unha 'cicloxénese'.

Reconfiguración da esquerda española

No comunicado, Podemos e IU inciden na necesidade de "vogar xuntos" mesmo que non haxa converxencia electoral. Mais as eleccións son un tema do máis 'candente' coa cita coas europeas a menos de 3 meses. E un tema tamén tratado na xuntanza, indicando que van falar, entre outras cuestións, dos "tipos de candidaturas máis acaídas a estes comicios".

O anuncio de Público dun pacto entre IU e Podemos incendiou as redes sociais. A coordenadora nacional de IU, Yolanda Díaz, chiou a nova. Entre a esquerda española había satisfacción mais tamén abrollaban críticas e desánimo (“se a nova é verdade”) entre xente que partillaba o proxecto de Podemos.