A FORZA DE PABLO IGLESIAS ANUNCIA QUE IRÁ EN SOLITARIO ÁS ELECCIÓNS CATALÁS

Podemos evita comprometerse cun referendo vinculante en Catalunya como lle pide a CUP

Mitin de Podemos

A forza que a nivel estatal lidera Pablo Iglesias quere presentarse en solitario nas eleccións anunciadas por Mas para setembro. Podemos continúa ignorando a proposta da CUP, que lle pide que, de ser goberno en Madrid, garanta un referendo vinculante en Catalunya.

 

Sen alianzas con outras forzas políticas ou mesmo movementos. O secretario xeral de Podemos Barcelona, Marc Bertomeu, explicou este domingo que o seu partido inclínase por presentarse en solitario ás eleccións catalá anunciadas polo presidente Artur Mais para o 27 de setembro. "A porta para falar está aberta, pero a nosa intención é esa", engadiu. 

Así, namentres que por unha banda Podem Barcelona busca unha alianza municipal na capital catalá con ICV-EUiA, Guanyem e Procés Constituent, polo outro, considera "difícil" seguir a mesma liña ou mesmo ampliala de cara ás catalás. Nese sentido, Bertomeu sostén que a política municipal “non ten nada que ver coa autonómica ou a estatal”. 

Así mesmo, Podemos criticou con dureza a CiU e ERC e rexeitou que os comicios poidan ter carácter plebiscitario sobre a independencia como defenden as forzas soberanistas, avanzando que o seu programa electoral pulará por un proceso constituínte "para decidir o modelo territorial, pero tamén o económico e social".

"Catalunya é unha prioridade para Podem. Sen gañar en Cataluña non se gaña en España: isto é evidente", dixo tamén Marc Bartomeu. Nos últimos días, desde a CUP volveron a solicitar que a formación de Pablo Iglesias se comprometa por escrito a apoiar un referendo vinculante e legal de autodeterminación en Catalunya se goberna en Madrid, sen lograr resposta positiva.