Luís Villares, portavoz da confluencia

"O poder en En Marea non o teñen os partidos, téñeno as persoas inscritas"

Luís Villares

Luís Villares afronta horas decisivas na súa ainda incipiente carreira política, co plenario deste 15X no imediato horizonte. Enarbora a bandeira das persoas inscritas fronte ás saudades partitocráticas en que ve instalados os sectores críticos da súa organización. É a entrevista política do Sermos254. Eis un avanzo.

-Como explicarías ás e aos non iniciados, en termos sinxelos, o debate en curso neste momento en En Marea?

 

-O que lles diría aos non iniciados é que o proceso de unidade popular é dinámico. Entón levamos cinco anos traballando niso e, claro, foi tendo distintas formas ao cabo do tempo. Comezou cunha coalición a dous [AGE], logo foi unha coalición ampliada, en paralelo o cidadanismo a nível municipal irrompeu tamén [as mareas locais], despois quixemos que a idea cidadanista de participación individual se sumase ao proxecto de En Marea, polo tanto, deixando atrás a coalición e enxergando un proxecto de participación individual, de libre adhesión nun espazo cidadanista e permeábel que non tivese a morfoloxía dun partido. A idea é que fose máis parecido a unha dinámica  de participación social onde a xente non tivese que estar necesariamente vinculada por carnet, que En Marea fose tamén ese ámbito de traballo a nível nacional onde a xente puidese participar e fose protagonista, e toda a protagonista [enfatiza], do espazo. Claro, isto é dinámico, estamos nun momento determinado e agora todo o protagonismo xa é de todas as persoas inscritas. Que é o que está pasando? Pois que o poder se residencia única e exclusivamente nas persoas inscritas. Iso ás veces aínda custa entendelo, mesmo dentro do espazo. Hai xente que aínda o leva mal. Nós cremos e recoñecemos todo o poder ás persoas inscritas.

 

-E, en troca, hai xente que pensa que o poder está máis ben nas estruturas pre-existentes, nos partidos que impulsaron a criación de En Marea.

 

-É que antigamente era así, pero agora non é. Ese é o tema. A evolución política do propio espazo -pasar da frente popular á unidade popular- dá lugar a iso. 

 

-Esa é a tensión?

 

-Si, esa é a tensión.

 


Síntome apoiado por Beiras. As nosas posicións non se separaron durante estes meses 

 

(...)

 

A irrupción de Beiras en Catalunya a defender o referendo parecería indicar que continúa a se manter en posicións converxentes coas túas. En troca, asina a emenda do sector crítico...

Se o que queres saber é se me sinto apoiado por Beiras, a resposta é que si. E se a pergunta é se separamos as nosas posicións durante estes meses, a resposta é que non. Non, en absoluto. Compartimos a mesma visión estratéxica da construción do espazo político. 

 

[Nota: A íntegra desta conversa, unha dupla páxina, aparece no Sermos254, xa na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]